Volve a partir deste sábado a Mostra de Teatro Francisco Lorenzo Mariño

05 Novembro 2021

A nova edición da Mostra de Teatro Francisco Lorenzo Mariño celebrarase novamente en Aguiño os vindeiros sábados 6, 13, 20 e 27 deste mes de novembro. As funcións darán comezo ás 20:30 horas no Conservatorio-Aula de Música, con entrada gratuíta ata encher aforo (con apertura das portas a partir das 20.00 horas, requiríndose, por motivos de seguridade anti-COVID, o nome e os apelidos de cada asistente, o lugar de procedencia e o teléfono de contacto na entrada).

A directiva presentando o cartel, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Moncha Sampedro, Rosa Millet, Elvira Pisos, Teruca Sampedro, Carmen Sampedro, Unai González e Carmen Pérez.

A mostra ten carácter solidario, como todas as edicións celebradas ao longo destes 12 anos pola AFLM de Aguiño (Asociación Francisco Lorenzo Mariño), e neste caso recadaranse donativos a favor de La Palma, que serán ingresados na conta bancaria disposta polo Cabildo da illa para esta finalidade solidaria e unha vez rematada a mostra darase conta pública a través das redes sociais da AFLM do importe total do recadado.

O equipo de Socorro (Confinado)

Segundo informa a organización (a asociación cultural de Aguiño que leva o nome do que foi sacerdote da parroquia dende finais da década dos cincuenta do século pasado), este ano foi imposíbel manter “o carácter amador do ciclo teatral”, principalmente pola imposibilidade de boa parte dos grupos de teatro afeccionado cos que se contactou (15 de toda Galicia) de achegar un espectáculo rematado ou inédito en Aguiño. Iso si, contarase coa presenza de dúas propostas de teatro amador: Socorro (Confinado), de A Pombiña de Narón, para o 20 de novembro; e Un convento moi contento, de Teatro Bradomín, a cargo da Asociación de Amas de Casa da Pobra do Caramiñal para o día 27.

Un intre do espectáculo A compañeira de piso

A organización decidiu completar a axenda co fin de que todos os sábados do mes houbese un espectáculo, con dúas propostas profesionais, neste caso son o día 6 de novembro A compañeira de piso de Jen Silverman con Patricia Vázquez e Rebeca Montero, de Contraproducións, dirixida por Cándido Pazó e Belén Pichel e Costureiras de Tarabela Creativa, con Felipe Díaz Caxoto e Ángeles Goás o día 13.

A AFLM conta para este certame coa colaboración da Concellería de Cultura de Ribeira, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e de varias empresas como CONRESA, Farmacia Mariño ou Digar de Artes que anualmente colaboran coa axenda cultural da asociación.

Outros artigos

O Dicionario da RAG engade novas entradas e modifica e amplía termos

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG), unha ferramenta tan útil como necesaria, vén de ampliar contidos a súa base de datos engadindo novas entradas. Entre elas: agachamento e anicamento, teito de cristal, cultura da cancelación, escaleta ou esgrafiado. O...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...