Todos os concellos da nosa comarca adheríronse á campaña De Fronte contra a violencia machista

16 Novembro 2021

De entre todas as moitas e variadas iniciativas que se están a levar a cabo nos nosos concellos para combater a violencia de xénero, encadradas nas celebracións do 25-N, ten especial protagonismo a campaña De Fronte impulsada novamente pola Deputación da Coruña. Esta relevancia vén dada polo seu programa (variado, diverso e multitemático, chegando a incluír actividades tan innovadoras un Visual Thinking para a xuventude ou un Scape Room para traballar contra as agresións de xeito cooperativo) e, tamén, polo importante número de concellos e entidades que se adheriron á mesma: un total de 88 concellos e 59 entidades. Na listaxe de municipios atopamos todos os da nosa comarca: Boiro, Porto do Son, Ribeira, Rianxo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Lousame, Noia, Outes Muros e Dodro.

Trátase dunha campaña que comezou hai un par de semanas e terminará o 25 de novembro, no exterior da Biblioteca Provincial, na Coruña, cunha lectura colectiva de textos poéticos a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao.

O obxectivo da iniciativa impulsada pola área de Igualdade que xestiona a deputada María Muíño é “apelar ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista”.

Propostas innovadoras

Entre as actividades incluídas atópase como dixemos un Scape Room, un xogo que pon o foco na poboación xuvenil e que se formula para que poidan participar varios grupos ao mesmo tempo e no mesmo espazo. Tanto o material como as normas do xogo responden a criterios de accesibilidade, igualdade, cooperación e sensibilidade cara a violencia de xénero. Os grupos terán que resolver un enigma arredor dunha situación de violencia machista a través de diferentes pistas espalladas polo espazo onde haberá que aplicar a lóxica, a rapidez e o traballo en equipo. Para a resolución do enigma contarase coa información recollida noutras actividades innovadoras do programa, os Visual Thinking, de xeito que “se reforcen as ideas máis importantes e se tome consciencia de que a solución, dado que é unha problemática social, debe ser abordada por todas e por todos”.

Rianxo, punto de encontro

O xoves 11 de novembro, dentro da campaña De Fronte á violencia de xénero da Deputación da Coruña, o Auditorio Municipal de Rianxo acolleu a xornada Violencias de xénero en mulleres maiores. Participaron Elena Molanes Piñeiro (directora do centro de emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero) e Lara Fuentes Enjamio (técnica de FADEMUR-Galicia), contándose con Marián Fernández (xornalista) como moderadora. Na cita, organizada en colaboración co Concello, tamén interveu a deputada de Igualdade, María Muíño, lembrando que “nun país no que o envellecemento poboacional é moi alto e cunha poboación moi dispersa, non podemos calar ante a vulnerabilidade das mulleres maiores que sofren violencia machista”. E engadiu: “Hai estudos que demostran que un dos grupos máis vulnerábeis entre as vítimas de violencia machista é o das mulleres de máis idade e isto non é algo que poidamos calar, vivimos nun país cun envellecemento poboacional moi alto e cunha poboación moi dispersa, despoboamento do rural e problemas importantes de transporte, e que, segundo a diagnose de igualdade da Deputación, hai unha crecente feminización do envellecemento, con rendas e pensión moito máis baixas”.

María Muíño volveu incidir na súa intervención en que o obxectivo da campaña é contribuír a “pór freo á violencia machista e crear un amplo movemento social para crear conciencia de igualdade fronte ao feminicidio”. Así, a partires deste 15 de novembro, na web defronte.gal estarán dispoñibles os recursos para as actividades xuvenís de Visual Thinking e Scape Room, para traballar sobre tratamento e prevención da violencia de xénero de xeito colaborativo e en equipos. Tamén na web da campaña, entre os días 22 e 29 de novembro estará visíbel o espectáculo musical para público infantil Martiña soñadora.

O programa completarase co acto colectivo de lectura de textos poéticos o propio día 25 de novembro ás 12.00 h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Falece afogado un home de 80 anos na praia de Caldebarcos en Carnota

Un home de 80 anos morreu afogado na mañá deste venres na praia de Caldebarcos, no municipio coruñés de Carnota, á que acudira para darse un baño. O falecido é veciño de Caldebarcos. O corpo da persoa falecida foi recuperado por un particular. Foi o mesmo particular...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...