Presentadas 29 obras ao cuarto Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

04 Novembro 2021

A cuarta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, co prazo de recepción de orixinais rematado este 30 de outubro, recibiu finalmente vinte e nove obras a concurso. O certame vén da man do Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a Asociación Cultural Barbantia.

Presentación da nova convocatoria do certame, o pasado mes de setembro

A Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), lembra que o certame supón unha dotación económica de 3.000 euros, a publicación da obra gañadora na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra.

O xurado está composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial: Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Loretta Birott Bermejo, escritora; e Marta Neira Rodríguez, filóloga e ensaísta. O ditame darase a coñecer no 30 de novembro e a entrega do premio será no mes de decembro.

O dito certame é concibido como un medio para promove-los novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxea-lo mencionado escritor.

Nas súas tres primeiras edicións, os galardóns recaeron en Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; e a terceira convocatoria quedou sen adxudicar, por estimar o xurado que ningunha das obras presentadas acadaba a suficiente calidade literaria.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...