Portos comeza en Ribeira a reflotación do pesqueiro L´Etel

05 Novembro 2021

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciou na mañá deste 5 de novembro a reflotación dos restos do buque pesqueiro L´Etel, afundido no porto de Ribeira en xaneiro de 2020. Unha vez rematada a complexa tramitación administrativa requirida e ante a falta de resposta dos seus titulares, aos que segundo sinala Portos instouse a asumir a tarefa directamente por ser súa a responsabilidade, o organismo da Consellería do Mar contratou estas actuacións por importe de 332.000 euros, un investimento que adiantará o ente público. Amais da recuperación do buque, os traballos inclúen a súa xestión e tratamento.

Máis en detalle, os labores, que contan cun prazo de execución de arredor de cinco meses, consisten na reflotación e remolque do buque e o traslado dos restos ata un centro de despezado autorizado para a súa xestión. Previamente realizarase a inspección do pecio e a extracción dos residuos que se atopen a bordo do buque e a súa xestión por unha entidade autorizada. O servizo contratado inclúe tamén as actuacións de sinalización, balizamento e preparación dos accesos e zonas de traballo.

A Consellería lembra que o buque pesqueiro L´Etel afundiu no porto de Ribeira o 22 de xaneiro de 2020 a unha profundidade de seis metros en relación co nivel 0 do porto. Nas horas próximas á baixamar parte do seu costado de babor facíase visíbel, polo que “era necesaria a súa reflotación e retirada por razóns de seguridade e explotación portuaria”, sinala o departamento de Rosa Quintana.

Imaxe do arquivo onde se fai visíbel un costado do buque afundido

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...