Os socialistas de Ribeira piden aplicar medidas firmes para calmar e controlar o tráfico, que xera riscos mesmo nas rúas peonís

19 Novembro 2021

Os socialistas de Ribeira, a través do seu concelleiro José Manuel Suárez-Puerta Sirgado, presentan ao pleno da Corporación unha proposta relativa ao tráfico no concello e á necesidade de calmalo nunha chea de puntos, mesmo nas rúas peonís. En palabras do PSOE, “a ordenación do tráfico e o control da velocidade excesiva, lonxe de parecer entrar en vías de solución, agravouse mesmo logo do proceso de peonalización que experimentou Ribeira”.

O grupo pide que se solicite á DXT o vehículo-radar para contribuír ao calmado do tráfico

Os socialistas, de feito, critican que as infraccións nestas rúas humanizadas son continuas, “e en moitas ocasións mesmo diante dos axentes da Policía Local, que non fan nada por corrixilo”, sinalan, poñendo o foco en “puntos conflitivos” como o cruzamento da Rosalía de Castro na praza do Concello, a rúa de Galicia no seu treito na Porta do Sol ou da praza de Compostela, etc.

Tamén recordan que os semáforos instalados para ordenar o tráfico (na rúa de Romero Ortiz, na avenida do Malecón, na de Miguel Rodríguez Bautista, etc) a miúdo non funcionan, e cando o fan, non son respectados por algúns automobilistas, co que “lonxe de cumprir a función para a que foron instalados xeran mais ocasións perigosas, xa que o que circula confiado e correctamente pode atoparse co condutor que non os respecta co perigo que isto xera”.

Os socialistas tamén fan saber que os límites de velocidade en determinadas vías (Castiñeiras, na recta de Carreira a Aguiño e outras localizacións máis) son “sistematicamente e perigosamente incumpridos”. E engaden: “Solicitar á Administración titular das vías a súa transferencia non garante a solución dos problemas, xa que nestes momentos o Concello ten capacidade sancionadora nestes viarios e as denuncias presentadas son, simplemente, anecdóticas”. Tamén recordan que “non hai moitos anos era frecuente ver o Fiat gris con franxas amarelas e o membrete da DXT en azul dotado de radar nalgunhas localizacións do municipio”, e que é probábel que “solicitar novamente en préstamo a súa volta e actuación serviría para tranquilizar o tráfico en moitas zonas”.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE realiza a seguinte proposta:

· “Que o Goberno municipal, en cumprimento das súas obrigacións, inste á Policía Local a extremar a vixilancia e, no seu caso, a denunciar as infraccións cometidas en contra das Ordenanzas Municipais de Trafico e contra o vixente Regulamento de Circulación, especialmente no relativo á circulación por vías sinaladas como expresamente prohibidas”.

· “Que o Goberno municipal solicite á DXT o préstamo do vehículo dotado de radar para o control da velocidade en zonas especialmente conflitivas, e que xeraron a xeneralizada protesta veciñal”.

· “Que se insista ante as administracións titulares das vías en cuestión para que se instalen elementos que favorezan a diminución da velocidade nestas zonas”.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...