“Os narcos galegos non abandonan a vía marítima” – Antón Luaces

A cuestión é evitar que o Servizo de Vixilancia Aduaneira actúe. E no intento de o conseguir, o tráfico de estupefacientes -hoxe ao igual que onte- emprega a vía marítima por máis que a actividade policial obrigue a navegar cada vez máis lonxe da costa. Esto motiva, á súa vez, que as intervencións aduaneiras e policiais teñan que producirse a maior parte dos casos en augas internacionais e cos conseguintes riscos persoais e legais.

Galicia foi o embrión nos anos 70 do século pasado de organizacións de narcotraficantes que tiñan como exemplo a seguir as vellas bandas de contrabandistas de café e de tabaco. As estruturas destas bandas foron o camiño seguido para a descarga e a distribución dos involucrados no tráfico de drogas nomeadamente nas Rías Baixas galegas e, posteriormente, nas Rías Altas, A Costa da Morte, o Ortegal e mesmo a Mariña lucense. En base á actividade desenvolvida polo Servizo de Vixilancia Aduaneira e o apoio prestado a este polo sindicato Sesma ao pouco de se crear as bases de Viveiro, Vilagarcía, Vigo e A Coruña -posteriormente tamén noutras poboacións galegas- o narcotráfico foi derivando a territorios máis ou menos alonxados de Galicia: Andalucía e a zona de Levante, sen esquecer a outros máis próximos como Asturias.

A ría de Arousa foi sempre na historia do narcotráfico galego, un punto de referencia. Os estupefacientes fixeron que mariñeiros de toda a vida na pesca deixaran esta para se afanar na carga, transporte e descarga de fardos de droga procedente do norte de África, das rexións euroasiáticas e iberoamericanas, e percurar na península Ibérica puntos axeitados nos que poder descargala e introducila con rapidez nuns mercados ben dispostos que tiñan en Cambados, Vilagarcía, Ribeira, destino e lugares de paso nos que sempre había disponibilidade para integrar nas organizacións persoas inicialmente afeitas aos seus traballos -en terra ou no mar- que non só se poñían a disposición senón que mesmo se “pasaban” cos seus equipos correspondentes, dende barcos de pesca a embarcacións menores feitos para pescar peixe e finalmente convertidos en medios de transporte que conectaban o lugar de destino co barco que se achegaba á costa de Galicia. Planadoras de grandísima potencia navegaban a ría de Arousa coa súa carga de estupefacientes, sabendo que nos polígonos de bateas tiñan sempre un refuxio impagable no caso de persecución polas embarcacións de Aduanas. Planadoras que utilizaban combustible de altísima octanaxe que tiñan o seu porto base en, por exemplo, Cambados. Aquí había unha importante frota pesqueira que, por aquela época, utilizaba o gasóleo como combustible e que, curiosamente, non podían subministrarse do mesmo porque en Cambados o subministrador de combustible dispuña de gasolina que era na práctica queroseno válido exclusivamente para unhas planadoras que, oficialmente, non podían tripular máis que mariñeiros titulados. Pero en Cambados -como tampouco noutros portos- as autoridades portuarias nunca impediron que estas máquinas case de carreiras fosen guiadas por persoas carentes do título necesario. O narcotráfico tiña aquí, aínda sen pretendelo, axuda indirecta. Agora os narcos galegos fabrican en Portugal as súas veloces embarcacións. Deste xeito esquivan a lei española que o prohibe. Segundo publicaba días pasados un xornal galego, os narcotraficantes envían a Portugal a base ríxida para finalizar aló e botalas ao mar en territorio luso ou, dependendo da situación, en Andalucía e mesmo no estreito de Xibraltar onde son empregadas na migración ilegal.

En tempo pasado -anos 70-80- os narcotraficantes dispuñan a construción en coñecidos estaleiros galegos das súas máquinas de transporte mariño de drogas, que motorizaban nunha moi coñecida fábrica de motores británica, ás que a escasa dotación da que contaba o Servizo de Vixilancia Aduaneira para as perseguir no daban feito e sempre as burlaban no mar. Ata que, finalmente, Aduanas dispuxo dos medios mariños necesarios, helicópteros e un avión, que puxeron en apuros aos narcos obrigándoos en moitos casos a facer mutis polo foro ou meterse en aventuras de maior risco: navegar lonxe da costa e a expensas de que embarcacións potentes e rápidas como a “Petrel”, incautada polos propios aduaneiros, puidera darlles caza alí onde estiveran. Que é o que está a pasar hoxendía.