O Unión endósalle unha manita ao Taragoña no derbi

Incontestable triunfo dos de Asados ao Taragoña nun derbi que estivo tinguido de cor vermella desde o primeiro minuto. Aínda que foi o Taragoña quen nos primeiros intres se atopou máis cómodo, os de Luisito sentenciaron o encontro na primeira metade. Ismael cun dobrete e Conde poñían o 3-0 para os de Asados. Na segunda metade foron os visitantes quen, por obrigación, comezaron a atacar con máis intención, na busca do gol da reacción. Pero o Unión segue moi solvente na parte de atrás e apenas recibiu ocasións. Nos minutos finais, Dani Silva cun dobrete completou a goleada. Con este resultado, o Unión sitúase líder en solitario con 13 puntos. A vindeira xornada visitará ao Cidade de Ribeira. O Taragoña mantense na penúltima posición con 2 puntos e recibirá ao Lalín.

Outro dos conxuntos que necesitaba a vitoria era o Cidade de Ribeira, e fíxoo con comodidade na súa visita ao Val do Ulla. Os de Santa Uxía saíron dubitativos nos primeiros compases, o que permitiu que os locais se adiantaran por mediación de Jacobo. Antes do descanso Abi e Aguado de penalti remontaron o encontro. Xa na segunda metade, os de Moreno xogaron a apracer, encontrándose sobre o verde e Joseíño e Christian puxeron o definitivo 1-4. Con este triunfo o Cidade de Ribeira sitúase na sétima praza con oito puntos. Esta xornada recibirá ao líder.

No grupo da Costa, o Volantes de Baño voltou sufrir unha dura derrota, desta vez no campo do Mazaricos. Sueiro na primeira metade e Mario Núñez nos segundos 45 minutos foron os encargados de axustizar aos de Muros. Unha nova derrota que deixa ao Volantes na penúltima posición con tres puntos. Este sábado reciben ao Ponteceso.

A división sénior do Unión de Asados nunha imaxe de familia o pasado mes de outubro