O Puebla e o Boiro buscan recuperar sensacións

Nunha liga tan curta como a Preferente deste ano, con tan só 22 xornadas, o mínimo despiste pode custar caro, sobre todo para os equipos destinados a loitar polos postos altos da táboa. É o caso do Puebla e Boiro, que non comezaron da mellor maneira a tempada. Sen embargo os pobrenses veñen de conseguir dous triunfos consecutivos que lles permite respirar. Por outro lado, o Boiro sufriu un duro revés a xornada pasada caendo na casa fronte ao Sigüeiro.

O domingo o Puebla recibirá ao Fisterra, que marcha terceiro con 10 puntos, dous máis que os pobrenses. Un rival de entidade e conformado para loitar polo ascenso que non pasa polo seu mellor momento, xa que encadea dúas xornadas sen gañar. En caso de vitoria dos da Alta, meteríanse entre os tres primeiros da Preferente.

O Boiro visitará ao Pino coa obrigación de gañar. Sorprendentemente os de Santiago marchan segundos na clasificación con 12 puntos e unha soa derrota. Os de Luis Carro veñen dunha axustada derrota fronte ao Sigüeiro, neste inicio de liga no que a sorte non está do seu lado. Un triunfo dos boirenses faríaos gabear na clasificación.