O Portus Apostoli perde o invito en Peñíscola (4-1)


P.P. O Noia FS perdeu a súa condición de invito en Peñíscola, ante un dos favoritos ao ascenso. Os noieses
caeron por 4-1 logo de atoparse por detrás do marcador logo de dúas xogadas de estratexias. A pesares do
empuxe dos brancos, o esforzo foi insuficiente para sacar algo positivo nunha cancha moi complicada.

O balón parado desnivelou un inicio equilibrado. Rahali no 4’ empuxou no segundo pau unha acción de
saque de banda para abrir a lata a favor dos azuis. Nos posteriores instantes non atopou o camiño da
reacción un incómodo Noia que, máis por empuxe e ganas que por fluidez, achegábase á portería de
Starna sen premio. Medio minuto máis tarde de estrelar un balón ao pau Joaki, Carles Saladié non
perdoou, noutra xogada de estratexia, esta vez de esquina, para facer o 2-0 e chegar ao descanso.
Lamentablemente, non puideron saír peor as cousas na continuación, e unha diagonal longa con
prolongación ao segundo pau converteuse no 3-0, obra de Agustín Praza, no primeiro minuto da segunda
metade. O tanto de Altamirano case instantáneo serviu para meter aos noieses de novo no encontro, pero,
aí apareceu Mati Starna. O meta arxentino estivo onde había que estar para evitar que os intentos brancos
acabasen en gol en deixasen os tres puntos na casa.

Esta é a primeira derrota dos noieses nesta Segunda División Nacional. A vindeira semana tentarán
recompoñerse e facer do Agustín Mourís un fortín.A próxima xornada os de Marlon Velasco recibirán ao
Parrulo FS, nun derbi que se prevé clave para as aspiracións de ambos.