O Goberno de Ribeira reúnese coa veciñanza das parroquias para atender as súas suxestións

O Concello de Ribeira puxo en marcha na mañá deste 8 de novembro o novo calendario de reunións de coordinación. Fíxoo cun planning de encontros cidadáns en Palmeira no segundo e cuarto luns de mes e en Aguiño o primeiro e terceiro. O obxectivo é facer posíbel que o rexedor e os concelleiros poidan atender de xeito máis próximo e directo á veciñanza, evitando o desprazamento até o Consistorio.

A deste luns 8 de novembro foi a primeira destas experiencias. Segundo informaron os participantes na mesma, resultou “moi proveitosa”, con varios veciños que se achegaron ata a Casa do Mar de Palmeira para formular as súas consultas, realizar suxestións e mesmo louvar esta iniciativa, ao tempo que foron informados de proxectos que están en trámite como a futura remodelación do paseo marítimo por parte da Xunta.

A próxima reunión do equipo de Goberno local celebrarase o vindeiro día 15 de novembro no edificio da Aula de Música de Aguiño, estando previsto que entre as 10 da mañá e as 12 do mediodía atendan neste mesmo local a aqueles veciños e veciñas que queiran acudir.

Atención en Carreira

Ao fío deste tema, o Concello engadiu que todos os mércores a partir de pasadomañá, na Casa da Cultura de Carreira e de 10 a 12.00 horas, o concelleiro Victor Reiriz estará alí para atender de xeito presencial á veciñanza da parroquia.