
O Consistorio de Noia emitiu esta semana un comunicado no que mostra a túa total repulsa aos actos vandálicos que levan sufrindo os equipamentos públicos municipais esta tempada de verán e outono, actos que “non deben ter cabida no concello nin quedar impunes”, sinálase no comunicado, engadindo que estas accións, malia terse detectado en diferentes puntos da vila mostran especial incidencia na zona do paseo marítimo.

“Somos conscientes de que isto, lonxe de ser un feito puntual, estase convertendo en algo continuo todas as semanas”. Sinalan dende o Concello, que informa á veciñanza de que “xa foron identificados varios infractores”, e que os feitos “foron postos en coñecemento da Garda Civil e da Fiscalía de Menores para proceder coas sancións”.

Dende o Consistorio explican tamén que “de acordo co artigo 32, do Regulamento do Servizo de Limpeza Viaria do Concello de Noia, os actos que impliquen un deterioro grave e relevante do equipamento ou mobiliario público teñen consideración de infraccións moi graves, sendo penadas cunha sanción económica que vai dende os 1.500 aos 3.000 euros”.

No comunicado o Concello fai un novo chamamento ao civismo, “pois estas cousas prexudican a todos os veciños e veciñas de Noia”. E conclúe: “Os actos vandálicos non poden ter cabida na nosa vila nin quedar impunes”.