O Club de Natación Boiro presenta a súa tempada para o ano 2021-2022 nun acto en recoñecemento ao anterior presidente

O Club de Natación Boiro presentou este sábado a tempada 2021-2022 nun acto celebrado no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Boiro. Na presentación interviron a concelleira de Deportes do Concello de Boiro, Dores Torrado; o presidente do Club, Rafa Pérez; o director técnico e adestrador; Carlos Brión; e a directora de relacións institucionais de Jealsa, Marga Hermo.

O presidente, Rafa Pérez, fixo fincapé no importante papel das familias, as empresas patrocinadoras e os adestradores do club para seguir traballando na promoción do deporte e seguir acadando logros no Club. O director técnico, Carlos Brión, fixo un repaso do número de licencias que hai e deu a coñecer os obxectivos do club para a próxima tempada, que son aumentar a participación en campionatos de España e galegos e tamén aumentar o número de licencias.

A directora de relacións institucionais de Jealsa, Marga Hermo, salientou o papel do deporte á hora de que os nenos e nenas medren, non so a nivel deportivo, senón tamén en valores e animounos a que sigan participando en actividades deportivas como a natación. A concelleira de Deportes, Dores Torrado, mostrou o seu orgullo pola evolución que o Club de Natación Boiro tivo dende que se fundou ata a actualidade “algo que se debe ao esforzo das directivas, das familias e dos nenos e nenas que son o futuro do noso concello”. Ademais da presentación da nova tempada e dos obxectivos do Club, o acto serviu de recoñecemento ao anterior presidente, José Blanco “Cocó”, ao que sorprendeu o grupo de gaitas Adorniña de Abanqueiro, entrando no salón de plenos interpretando a marcha do antigo reino de Galicia e ao que lle entregaron unha placa en recoñecemento do seu traballo no club dende o ano 2007 e unha camiseta firmada polos membros.