O Centro Ramón Piñeiro celebra o 25 aniversario do seu Corpus Documental sobre a Galicia medieval

18 Novembro 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura do coloquio internacional Os Corpora Docvumentalia Latina da Península Ibérica no 25 aniversario de CODOLGA, onde estivo acompañado por Manuel González González, coordinador do Centro Ramón Piñeiro para e Investigación en Humanidades, e por José Carracedo Fraga, director do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae. Unha xuntanza científica que reunirá hoxe e mañá os membros da rede colaborativa Corpus Documentale Latinum tanto de España como de Portugal para estudar o futuro dos proxectos comúns e as posibilidades técnicas a afrontar.

20211118 Centro Ramón Piñeiro celebra o 25 aniversario do seu Corpus Documental sobre a Galicia medieval

Neste marco, o representante da Xunta de Galicia fixo fincapé nos esforzos do grupo de investigadores deste proxecto en Galicia “por establecer pontes con outros investigadores do ámbito ibérico e por poñer a disposición de tantos estudosos un corpus que é fundamental para comprendermos a Galicia medieval”.

Durante o coloquio, os diferentes equipos españois dedicados á lexicografía latina medieval en Galicia, Cataluña, Castela e León e Comunidade Valenciana, ademais do grupo luso, intercambian relatorios, experiencias e propostas sobre os seus respectivos traballos. O grupo galego aproveita tamén para presentar a nova faciana do seu portal web co gallo dos seus primeiros 25 anos de vida.

Importante caudal documental

Capitaneado por Eduardo López Pereira, o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae naceu como un proxecto do Centro Ramón Piñeiro en 1994, pero hai 25 anos que chegou á rede por primeira vez con 8.000 documentos editados para o aproveitamento da comunidade científica, tanto do ámbito da lexicografía e da gramática como da historia e da socioloxía, a través da documentación latina medieval relacionada coa Gallaecia dos séculos VI ata o XV, ambos inclusive.

Desde entón, este importante caudal documental posto a disposición das persoas interesadas na lingua, a cultura e a historia de Galicia foise enriquecendo anualmente coa incorporación paulatina de novos documentos aos que acceder a través do seu portal, que presenta desde agora un aspecto renovado. Amais, no marco do convenio existente entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Ramón Piñeiro, o proxecto está a traballar nunha nova versión da súa base de datos.

Corpus Documentale Latinum Gallaeciae forma parte tamén da rede colaborativa CODOLHisp, outra plataforma en liña de acceso común a catro bases de datos léxicas de latín medieval hispánico.

20211118 Centro Ramón Piñeiro celebra o 25 aniversario do seu Corpus Documental sobre a Galicia medieval

Outros artigos

O novo Auditorio de Ribeira abrirá o sábado 1 de xuño

O novo Auditorio Municipal de Ribeira abrirá as súas portas o sábado 1 de xuño e para celebrar a súa apertura, a Concellería de Cultura está a organizar unha programación especial que se estenderá ao longo de todo o mes. Esta coincidirá co "Xuño dá Cultura e as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...