O BNG celebra o 25-N cun convite directo a que os homes tamén combatan a violencia machista

24 Novembro 2021

Co gallo do 25N, Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o BNG interpela aos homes “para que nos activemos na denuncia, no combate e na loita contra a violencia machista, en todas as súas manifestacións e en todas as súas formas”, segundo indicou o responsable de Comunicación e concelleiro de Ribeira, Luís Pérez Barral.

Pérez Barral explicou que o Bloque escolleu este enfoque para realizar a súa campaña do 25N “porque a violencia machista é exercida por homes, dentro do sistema patriarcal no que vivimos e, polo tanto, nós entendemos que o lóxico é que o papel dos homes sexa tamén posto no centro do debate e no centro das solucións a este problema”. Amais, lembrou que as campañas tanto institucionais como doutro tipo adoitan centrarse en “responsabilizar dalgunha maneira ás mulleres na denuncia e en poñer fin ao círculo dunha violencia que padecen, pero que non exercen”, mais o BNG entende que “este non pode ser o único enfoque”.

Logo de manifestar que “somos conscientes de que esta campaña poida resultar incómoda a algúns homes”, recalcou que se a violencia machista existe “é porque hai homes que a exercen e entendemos que chegou o momento de que nós deamos un paso adiante na loita contra esta violencia e que non hai escusas para non facelo”.

Este son, dixo, os ingredientes da campaña que se desenvolve estes días nas redes sociais do BNG e na Internet, reproducindo a través de distintas imaxes e contidos situacións que todas e todos podemos recoñecer nas nosas contornas cotiás como diferentes manifestacións deste tipo de violencia (dende ás manifestacións físicas, ata aquelas de carácter psicolóxico ou simbólico) e que se dan en todos os planos, tanto no afectivo ou sexual, como no sociolaboral. Todas as representacións da violencia machista recollidas na campaña rematan cunha mesa frase a modo de leitmotiv: Isto é violencia. E non hai escusas. Ti, como HOME, que vas facer?

Pérez Barral aproveitou para pedir tamén unha reflexión sobre o marco normativo galego neste ámbito de actuación:. “Galiza conta dende a época do Goberno bipartito cunha Lei de Violencia Machista que foi pioneira e que aínda segue sendo referente en moitos aspectos a nivel de Estado. Esta lei contemplaba medidas no seu articulado, tanto de sensibilización como doutros importantes aspectos, por exemplo a conveniencia de achegar tratamento psicolóxico para os homes que exercen algún tipo de maltrato. Pensamos que infelizmente esta lei non está sendo desenvolvida como corresponde e tamén queremos aproveitar a data de hoxe para solicitar do Goberno galego o seu desenvolvemento pleno”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...