O alumnado so Obradoiro de Emprego Torre Goiáns participou nunha xornada de emprendemento xuvenil

O alumnado traballador que forma parte do Obradoiro de Emprego Torre Goiáns – Boiro, impulsado polo Concello e centrado en xestión forestal, participou esta semana nunha xornada telemática de emprendemento xuvenil no medio rural. A actividade, abeirada á axenda do programa de emprego, achegou formación ás 20 alumnas e alumnos que participan no mesmo.

Os obxectivos desta xornada foron dar a coñecer entre o alumnado os proxectos empresariais e boas prácticas impulsadas por persoas mozas no sector forestal en zonas rurais; difundir as vivencias persoais e laborais de emprendedores novos no medio rural que traballan no sector forestal; e servir de conexión entre a poboación xuvenil emprendedora e expertos na temática forestal.

A formación deste obradoiro está dividida en dúas especialidades, unha de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e outra en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. Ademais da formación teórica, o alumnado vai realizar prácticas en espazos naturais do municipio como son a finca do pazo de Goiáns.

O Concello de Boiro desenvolve o Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns – Boiro co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, ao abeiro das axudas e subvención para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.