Éxito total de inscricións para a andaina rianxeira a prol dos nenos oncolóxicos

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia, ASANOG, coa colaboración do Servizo de Deportes do Concello de Rianxo, vai celebrar esta finde unha proba deportiva en beneficio da entidade e da súa importante función solidaria, social e médica. Trátase da primeira edición da Andaina Solidaria ASANOG, que ten o obxectivo concreto de recadar fondos para a asociación: o cen por cen do recadado a través das inscricións. A cita comeza ás 10.30 horas, en Rianxo. Nela, Adrián Mosquera, o primeiro deportista olímpico rianxeiro, será o padriño da proba. Segundo informou o Concello, cubríronse finalmente (antes do remate da inscrición) as 750 prazas ofertadas para participar na Andaina, logo de ampliarse o aforo desde as 500 previstas inicialmente.

Así, 186 persoas participarán no percorrido verde (4 quilómetros) e 563 no percorrido amarelo (11 quilómetros) que discorrerán polo paseo marítimo e os camiños do mar de Taragoña. Os dous itinerarios son de dificultade baixa e estaban deseñados para que poidan participar persoas de todas as idades e condición física.

Dorsal solidario

A organización informa de que segue aberta a posibilidade de colaborar a través do dorsal 0 (na páxina de emesports.es, no evento I Andaina Solidaria ASANOG). Ata o de agora van 72 doazóns a través desta vía, moi indicada para quen, querendo colaborar cun donativo, non poida participar na andaina. O sábado tamén será posible facer contribucións na carpa de ASANOG, que estará na praza de Castelao.

Adrián Mosquera: padriño da andaina

Como dixemos, o padriño desta experiencia deportivo-solidaria é Adrián Mosquera, primeiro rianxeiro en participar nun xogos olímpicos (11º Tokio 2020, 1 na Copa do Mundo 2021, 2º no Campionato. de Europa e 9º no Campionato do Mundo). Antes da andaina e despois da recepción oficial feita a Adrián no Concello de Rianxo á súa volta de Toquio (prevista para o salón de plenos por mor das restricións COVID) farase unha recepción popular para que a veciñanza poida compartir e celebrar os éxitos do deportista local.

Programa de actos

Ademais do evento deportivo en si mesmo, o programa quere ser unha festa arredor desta causa solidaria, aberta á participación de veciños e/ou deportistas.

-9 a 10:30 h. entrega de dorsais na praza de Castelao.

-10:15 h. Recepción popular a Adrián Mosquera, deportista paralímpico.

-10:30 h. Saída dada polo padriño, Adrián Mosquera, da andaina de 11 km.

-10:35 Saída da andaina de 4 km.

-13 h. Chegada da andaina

A continuación

Recepción (Directiva de ASANOG..)

Proxección de vídeos

Sorteo agasallo

Intervención do alcalde Adolfo Muíños e representantes de ASANOG

Peche con Río de Anxo (Rianxeira, Pájaro Pinto).