Éxito na estrea da acción artística As paisaxes de Camille, impulsada por Ambar

A Asociación Ambar das persoas don diversidade funcional, con sede principal en Ribeira, estreou este venres 5 de novembro no Centro Cultural Avenida do Concello da Rúa (Ourense) a que primeira actividade artística do seu proxecto As paisaxes de Camille, unha iniciativa para loitar, dende a creatividade, o talento e a reivindicación, contra a violencia de xénero no ámbito rural en calquera das súas manifestacións. En concreto As paisaxes de Camille busca apoderar ás mulleres con diversidade funcional a través da expresión artística, explorando a contención, a rabia, a delicadeza e a sororidade, atravesando a imaxinaría escultórica e a vida da escultora francesa Camille Claudel.

A peza está producida por Ambar, conta coa dirección artística da creadora escénica Helena Salgueiro da plataforma ABAR e cun elenco composto integramente por mulleres con diversidade funcional: Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Olaia Pérez, Montse Queiruga e Mercedes Río.

A Rúa foi a primeira parada das 5 que se desenvolverán nos vindeiros días. Nesta primeira función destacou a asistencia do alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández. Representando a Ambar estivo Zeltia Iglesias, responsábel do proxecto e integradora social da entidade. As persoas asistentes recibiron un agasallo personalizado elaborado polas persoas que asisten ós obradoiros ocupacionais de Ambar.

A función deu comezo ás 20:00h coa representación da peza escénica e de seguido proxectouse un vídeo cos ensaios, entrevistas individuais, motivacións e desenvolvemento conceptual da peza.

Esta acción enmarcase no Pacto do Estado contra a violencia de xénero e está financiada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Para máis información sobre o proxecto cómpre visitar a web de Ambar, no apartado específico sobre o mesmo. As integrantes da asociación tamén subiron ao Youtube un vídeo de presentación.