Estudantes de Rianxo xuntan forzas con rapaces irlandeses e croatas para protexer especies en extinción

A semana pasada, o xoves 4 de novembro, o Consistorio de Rianxo acolleu a recepción oficial do alumnado do Galway Comunity College (Irlanda) e do Susacka Hrvatska Gimnazija de Rijeka (Croacia) que están a participar nunha das actividades de programa de intercambio Erasmus + xunto co IES Félix Muriel de Rianxo. Nesta iniciativa contan con asesoramento da ONG ambiental Irish Wildlife Trust (IWT) en Irlanda, a Eko Kvarner Organization de Croacia, e a Sociedade Galega de Historia Natural, pola nosa terra.

Na actividade, que está a ser apoiada pola Fundación Losada Diéguez, o alumnado poderá coñecer as especies en perigo de extinción nas súas contornas, entre outras a de Rianxo e a ría de Arousa, así como familiarizarse cos mecanismos máis axeitados e innovadores para permitir a súa conservación e recuperación.

O Concello, por medio do seu alcalde Adolfo Muíños, agradeceu a implicación do profesorado dos tres centros europeos (dúas ducias de mestres seleccionados para estudar 243 especies en risco de extinción nos tres países) e dos 135 estudantes participantes (15 por país e curso nos 3 anos do proxecto).

O alumnado e o profesorado, a través desta experiencia colectiva, proporán unha innovadora acción correctora en cada unha delas para a súa conservación e recuperación.

Na Galiza a Sociedade Galega de Historia Natural publicará no seu voceiro Paspallás os resultados.