Este mes chegan a Porto do Son a obra teatral Invisibles e a súa firme proclama contra o maltrato

O teatro máis reivindicativo e comprometido contra a violencia de xénero chega este mes de novembro a Porto do Son. Farao da man de Redrum Teatro Compañía, que representa o día 20 deste mes, na Casa da Cultura de Porto do Son a partir das 19.30 horas, a obra Invisibles, unha cita para recordarnos e reivindicar “o millón de razóns que existen para falar do maltrato”. A función, cuxas entradas poden mercarse na Casa da Cultura, está baseada no libro do mesmo nome de Montse Fajardo, e presenta sete testemuños reais de maltrato a través de tres voces femininas.

Tres xeracións de mulleres que amosan que non hai un perfil concreto de vítima de violencia machista. Así, o obxectivo deste espectáculo é concienciar e sensibilizar aos espectadores sobre unha lacra que afecta a toda a sociedade, facéndoa “ben visíbel para poder eliminala”.

O elenco está composto polas actrices Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez, baixo a dirección de Marián Bañobre.

Esta peza teatral trátase dunha coprodución entre Redrum Teatro, a Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra, o Centro Dramático Galego e a Deputación da Coruña.

Ademais, conta con varias distincións coma os galardóns a Mellor Adaptación, Mellor Dirección e Mellor Iluminación dos Premios de Teatro María Casares; así como o Premio Luísa Villalta a Proxectos de Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.