Esta finde o Rotogal Boiro Voleibol regresa á fortaleza da Cachada para medirse co Río Duero Soria

04 Novembro 2021

O conxunto de Marcelo Chino Benavídez, o Rotogal Boiro Voleibol, recibe o sábado ás 19.00 horas a un Río Duero Soria que ocupa a quinta posición e vén de superar ao Melilla na súa pista. O adestrador do Rotogal confía en que o seu equipo mellore as prestacións no servizo para aumentar as posibilidades de éxito ante os casteláns: “Temos que rebaixar o número de erros; para nós, o saque é moi importante e, se reducimos os erros nesta faceta, podemos complicarlle o partido a calquera. Por tanto, temos que ser máis regulares no saque e, tamén, un pouco máis organizados na relación bloqueo-defensa”.

En principio, o Rotogal Boiro Voleibol estará ao completo para medirse cun Río Duero Soria que, en opinión de Benavídez é “un equipo con algunhas individualidades moi interesantes como o oposto Álvaro Gimeno ou José Villalba. Xoga moi ben na definición, sobre todo no triplo bloqueo nas pelotas de contraataque. Vén de gañar un partido importantísimo contra Melilla e eu creo que é un rival que hai que respectar”.

Sobre a derrota padecida o pasado fin de semana na cancha do Conectabalear Manacor, o preparador do Rotogal Boiro Voleibol estima que “tivemos dous primeiros sets moi bos, aínda que perdemos o primeiro, mentres que, no terceiro e o cuarto, eles subiron o acerto no saque e rebaixaron os erros, mentres que nós non soubemos resolver esa situación. Para este partido, estamos a adestrar moi ben e algunhas cousas van cambiar”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...