Amicos mostra o patrimonio do Barbanza e Galicia a estudantes de Italia e Grecia

18 Novembro 2021

A Asociación Amicos deu comezo esta semana a unha nova experiencia de coñecemento, solidariedade e intercambio cultural: un Erasmus+ Discover con 11 persoas menores de 30 anos de Italia e Grecia. A experiencia ten unha duración de seis días completos de actividades para coñecer o patrimonio natural e cultural de Galicia e, en particular, do Atlántico. Así mesmo, os mozos levan xa días compartindo ideas e recursos cos integrantes de Amicos, chegando a coñecer de primeira man o Centro de Atención Integral da entidade en Boiro.

O grupo estivo composto por 6 mozos gregos e 5 italianos, que tiveron a oportunidade de visitar durante estes días diferentes enclaves do Barbanza de relevancia natural, paisaxística, histórica e cultural, como o Faro e as Dunas de Corrubedo ou o Miradoiro da Curota.

Tamén, alén da nosa comarca, puideron coñecer o Dolmen de Dombate, así como a zona de Fisterra, Combarro, e a cidade de Pontevedra.

Todas as actividades estiveron acompañadas pola gastronomía tradicional galega.

Ademais, as e os participantes aproveitaron a súa estadía para unirse ao proxecto RE-MAR a través da limpeza da praia de Cabodeiro, na illa de Arousa, celebrada durante a mañá deste xoves 18 de novembro. Xunto a 19 escolares do colexio CEIP Torre Illa e integrantes de Amicos, dedicaron a xornada a recoller máis de 23 quilogramos de residuos mariños, que o mar deposita no areal. Esta actividade contou coa colaboración de Conservas Antonio Pérez (Pan do Mar) de Vilanova de Arousa.

Na tarde deste 18 de novembro, os mozos visitarán a Cidade da Cultura de Galicia, o centro histórico e máis a Catedral de Santiago.

Fabritzio, coordinador do grupo italiano, destacou que está “moi contento” por poder vivir esta experiencia de integración con persoas con discapacidade e que está desexando que os membros de Amicos coñezan Italia, país que xunto con Grecia, será o vindeiro destino deste programa de intercambio de experiencias.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...