Adiado para o 23 de decembro o concerto de Víctor Bouzas Quarteto en Rianxo

O Concello de Rianxo vén de aplicar un cambio de data no programa da cuarta convocatoria do Ciclo de Novos Intérpretes que organizan este outono a área municipal de Cultura e a Escola de Música local. O cambio é relativo á actuación prevista para o 12 de novembro, a do Víctor Bouzas Quarteto (trompeta), que pasa a fixarse para o día 23 de decembro, na Sala Arcos Moldes do Auditorio.

O certame comezou o sábado 23 de outubro, ás 20.30 horas no Auditorio, cun concerto a cargo de Óscar Vázquez ao trombón baixo e Yamini Teresa ao piano. A seguinte cita foi o venres 29, da man do rianxeiro Bernal Muíños, que virá acompañado do seu cuarteto de jazz. A continuación será a quenda do concerto de Alba Franco (arpa) o 26 de novembro, no Auditorio. O ciclo prosegue con Lucía Mata (fagot) e Diego Mata (piano) o día 10 de decembro, igualmente no Auditorio de Rianxo ás 20.30 horas. En todos os casos cómpre facer as reservas de entrada (gratuíta) na web municipal.