Abuín recuperou o seu cruceiro

07 Novembro 2021

A parroquia de Santo Isidro de Posmarcos viviu nesta mañá o acto de presentación da restauración do cruceiro de Abuín. Con data de 1789, a súa construción foi promovida, encargada e pagada por un matrimonio do lugar e un
século máis tarde foi doado pola familia Abuín ao Concello da Pobra do Caramiñal para sumar este ben cultural ao patrimonio público.
Hai uns anos comezou o seu proceso de restauración e, nesta xornada, xa ocupando novamente o seu destino, quíxose dar a coñecer o labor ao que foi sometido este elemento arquitectónico que resulta “singular, pola súa antigüidade, pola riqueza artística das súas imaxes e do seu capitel.
Pezas deseñadas e refinadas por un obradoiro de escultura, propio do estilo barroco máis grande e depurado da arte popular de Galicia”, tal e como indicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen rematou a súa intervención manifestando a importancia de conservar e protexer un ben patrimonial desa categoría.
O restaurador José Aguiño explicou o proceso de recuperación, que foi lento e laborioso, pois hai varios anos a vara partiu en nove anacos e o capitel fracturouse, quedando a cruz e as imaxes en 50 anacos. Expuxo así como se conseguiu restaurar a totalidade do cruceiro, ademais de diversas curiosidades sobre o mesmo coma, por exemplo, no relativo á orientación das imaxes.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), puxo en valor a riqueza patrimonial coa que conta esta parroquia pobrense, xa que, ademais de numerosos cruceiros, están presentes sartegos e un castro.
Anunciou tamén que hai outra actuación prevista para contribuír á protección do cruceiro e que consistirá na colocación dun bancos graníticos ao seu arredor e un empedrado de adoquíns na contorna.
“Seguiremos traballando polo patrimonio do noso concello”, concluíu.

Entre as persoas asistentes atopábase veciñanza, representantes de entidades locais e membros da corporación municipal, así como o párroco Marcelino Sánchez, o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Fernández Coto, e o doador do cruceiro, Juan Manuel Noal Abuín.
O toque musical da xornada correu a cargo do grupo de música tradicional Os Caraveiros e ao remate do acto dispuxéronse uns petiscos.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...