Abanca e as confrarías da nosa contorna xuntan forzas para impulsar a sustentabilidade do sector

Boa parte das principais confrarías do sur da provincia da Coruña veñen de formalizar un acordo con Abanca para mellorar a sustentabilidade ambiental e impulsar a transformación do sector pesqueiro, tralo impacto da pandemia. Para axudar na consecución destes obxectivos, a entidade bancaria activou, a través da súa unidade especializada Abanca Mar, novas liñas de financiamento a curto prazo e adaptou a súa oferta con solucións flexíbeis e a medida para facilitar a renovación da frota, así como os investimentos sustentábeis.

Por sexto ano consecutivo, a entidade financeira convocou en Santiago aos pósitos da zona sur da provincia coruñesa (Muros-Noia, Costa da Morte e varias confrarías de Arousa) a unha sesión de traballo co obxectivo de presentar as novidades da súa oferta financeira para o sector e analizar o alcance da crise derivada da pandemia pola COVID-19 na pesca de baixura e no marisqueo, así como os retos actuais do colectivo. O director territorial da entidade en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e o director da división marítima da financeira, Javier Fraga, foron os encargados de conducir o encontro, que serviu tamén para renovar o acordo marco de colaboración financeira que une ao banco cos pósitos desta zona costeira galega. Esta alianza inclúe a un total de 17 confrarías do sur da Coruña: Fisterra, Lira, Muros, Noia, Palmeira, Rianxo, Muxía, A Pobra, Camariñas, San Andrés (Portosín), Carreira-Aguiño, Cabo de Cruz, San Telmo (Porto do Son), Camelle, Corcubión e Pindo e San Andrés (Ribeira).

Durante a reunión, os patróns maiores das confrarías mostraron a súa preocupación por problemas que afectan especialmente o sector neste momento, como a crise derivada da pandemia e os novos hábitos dos consumidores ou a necesidade de modernizar as embarcacións, mellorar as cotas da pesca artesanal e garantir o recambio xeracional, entre outras cuestións. Pola súa banda, Abanda salientou a experiencia e especialización da súa unidade do Mar para “dar resposta a moitos destes interrogantes mediante solucións financeiras a medida”.