A Xunta loa a contribución do Museo do Gravado de Ribeira á hora de divulgar e impulsar as artes gráficas en Galicia nos últimos 20 anos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no acto conmemorativo do XX Aniversario do Museo do Gravado á Estampa Dixital, onde salientou a contribución que este centro tivo ao longo da súa historia para divulgar e impulsar as artes gráficas en Galicia.
Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Xunta leva anos apoiando este museo consciente da importancia dunha disciplina artística somo esta, que conta con numerosos profesionais en Galicia. “O Museo do Gravado é unha peza clave na rede museística galega ao estar altamente especializado e facer un excelente traballo de catalogación, estudo e difusión, que se verá agora completado coa Biblioteca Ilustrada e un obradoiro do gravado”, indicou.

Anxo M. Lorenzo referiuse ao carácter estratéxico que os museos teñen na política cultural da Xunta de Galicia, que se viu reforzado nos últimos tempos coa aprobación da Lei de Museos e que se impulsará tamén nos investimentos de 2022, coa creación de novas liñas de apoio e iniciativas para a contratación de persoal en formación.

O acto de hoxe enmárcase nas conmemoracións do XX aniversario do Museo coa que colabora a Xunta de Galicia, e que inclúen a apertura da exposición do pintor e gravador cubano Albino Fernández, comisariada por Carlos L. Bernárdez e Xoán Pastor. Conta con 65 xilografías do artista e conmemora o centenario do nacemento deste artista que tanta relación tivo con galegos como Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Rafael Dieste, entre outros. Tamén se celebrará un acto institucional de inauguración da Biblioteca Ilustrada e Taller do Gravado.

O Museo da Fundación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital celebrou este venres o acto conmemorativo do XX Aniversario co gallo da celebración tivo lugar amais un concerto con Milladoiro.

Intervención de X. Pastor Rodríguez Santamaría. Director do Museo do Gravado

Hoxe é un día de felicidade para este Museo do Gravado de Artes que celebra o seu vixésimo aniversario xa que foi inaugurado o 24 de xullo de 2001.
As orixes deste Museo sitúanse na paixón dun coleccionista privado, D. Javier Expósito Paradela, pola arte do gravado. Reunida xa unha boa colección de varios miles de estampas e varios centos de libros ilustrados, decidiu que Galicia
e o público en xeral, merecían o pracer de desfrutar da súa paixón coleccionista e para iso dotouna dun edificio propio neste lugar do Outeiro, parroquia de San Xiao de Artes, no Concello de Ribeira. Era, é evidente, que se trataba dunha
aposta polo mundo rural galego, non exenta de perigos, mais crendo que o amor pola arte non era cousa só de cidades e que este Museo era unha forma de dinamización do mundo rural.
Dende os seus inicios o Museo estivo adicado á conservación, estudo, catalogación e divulgación do mundo da estampa, cun depósito de gravados con pretensións universais, abranguendo todo tipo de técnicas (xilografía, serigrafía, linóleo, punta seca, talla doce, augaforte, augatinta…), incluídas as técnicas dixitais, mais tamén todas as escolas posibles (española, francesa, inglesa, italiana, flamenca, alemá, galega, catalá, portuguesa…), e que xa inclúe tamén unha colección de estampas xaponesas.
O período temporal das estampas vai dende o derradeiro terzo do século XV aos noso días. Hai que engadir que o fundador e vicepresidente do Padroado, D. Javier Expósito Paradela, segue a enriquecer e aumentar continuamente os
fondos do Museo e da súa Biblioteca Ilustrada; este é, pois, un museo en continuo crecemento.

Pero no ano 2009 o Museo do Gravado dá un paso máis adiante coa creación do PREMIO ATLANTE, grazas á colaboración de institucións e empresas privadas, cun grande éxito de participación xa na súa primeira edición con máis de 300 obras presentadas. O premio celebrou en setembro deste ano a súa décimo segunda edición, e é un dos motivos de orgullo desta institución, xa que expande o nome de RIBEIRA, Galicia, e o seu museo do gravado por todo o mundo. A iniciativa non se limita a premiar os mellores gravados, senón que inclúe a exposición dos traballos galardoados e a edición de catálogos. Esta iniaciativa non sería posible sen a colaboración dos mecenas privados, especialmente de D. Ramiro Carregal Rey, que contribúen a dotar economicamente os galardóns.
O labor deste Museo pode, quizais, resumirse nalgúnhas cifras: máis de 130 exposicións nas distintas salas da súa sé; a viaxe das súas coleccións a toda Galicia, Portugal, México, Costa Rica, Xapón, Nova York…, pero sen esquecer a
colaboración coa súa bisbarra, cedendo en préstamo as súas coleccións aos concellos do Barbanza. A isto hai que sumar a edición de catálogos e libros, que superan os cincuenta, incluíndo traducións de obras universais como O Inferno da Divina Comedia de Dante.
O Museo do Gravado non é só un depósito de estampas para conservar e divulgar ou expoñer, senón tamén un lugar de creación de novas estampas con novas técnicas. Dende 2018, en colaboración coa Universidade de Salamanca e
co catedrático José Fuentes, imparte OBRADOIROS DE GRAVADO con grande éxito para artistas e afeccionados de todos os puntos de Galicia.
Outro paso adiante máis dáse en 2019, cando o Museo inaugura a BIBLIOTECA ILUSTRADA, con máis de 8.000 volumes que van do século XVI aos nosos días.
Hoxe acabamos de inaugurar tamén a ampliación desta Biblioteca Ilustrada posible mercé á colaboración da Xunta de Galicia.

As institucións (Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Concello de Ribeira, Concellos do Barbanza, asociacións culturais, universidades) son motores imprescindibles do Museo, pero hai que agradecer tamén o labor do
Padroado que o rexe, formado por artistas e profesores, o traballo dos artistas e de todos os que colaboran de xeito desinteresado con este Museo.
Hoxe, o Museo do Gravado, conta con máis de 40.000 estampas , máis de 5.000 volumes ilustrados e foi realizando a catalogación dos seus fondos xa dende 2001, coa edición do catálogo do profesor González de Zárate e, en 2018, coa
edición do catálogo dos fondos galegos.
Nesta celebración do vixésimo aniversario inauguramos a exposición do gravador ALBINO FERNÁNDEZ, un fillo de emigrantes galegos nado en 1921 en Cuba e logo nacionalizado arxentino, pero que nunca esqueceu o mundo da
aldea galega onde pasou parte da súa infancia, e que ben amosa o poder do mundo rural galego que axudou a formar América, coa súa contribución de traballos e aportacións culturais.
Que mellor gravador para un Museo situado no mundo rural galego que un gran artista fillo da emigración?
Un crítico arxentino aseguraba que Albino Fernández procedía “de esa poderosa estirpe que partió de Galicia para darnos a los americanos su talento y su energía”.
Agradecemos á familia deste gravador, aos seus fillos, o préstamo das obras e ao profesor Carlos López Bernárdez a súa colaboración para poder realizar esta exposición e o catálogo da mostra. Tamén agradecer ao Consulado da Repúbica da Arxentina en Vigo a súa colaboración nos trámites do envío das obras. Grazas a eles podemos hoxe admirar a obra deste artista universal.

Vou rematar xa, pero non quero esquecerme das mulleres que me precederon no cargo de director deste Museo: Carolina Muñiz Pérez, Rocío Hermo Echevarrieta, Lidia Sánchez González e Laura García Silva, que fixeron posible
que hoxe este Museo cumpra 20 anos.
Lembrar que ao finalizar este acto, visitaremos o Taller de Gravado (situado na antiga Rectoral desta parroquia) para logo pasar a disfrutar da actuación do grupo de música galega Milladoiro por cortesía da Xunta de Galicia.