A conselleira do Mar ve “moi positivo” o apoio da UE á supresión do IVE do peixe


A conselleira de Mar, Rosa Quintana valora “dunha maneira moi positiva” a decisión da Unión Europea de apoiar a redución do imposto do IVE ao 0% para os alimentos considerados saudables, como é o caso do peixe.

Respecto diso, Quintana indicou que o seu departamento leva moitos anos “traballando e tentando convencer” a distintos gobernos da necesidade de reducir o IVE do peixe.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participa por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios. foto xoán crespo 08/11/2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se debateron as propostas de España de cara ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana. Un dos temas abordados foi a fixación das posibilidades de pesca de 2022 en augas compartidas co Reino Unido, de cara á que Galicia está traballando na compilación de argumentos socioeconómicos coa intención de mellorar as propostas feitas no marco das negociacións da Unión Europea co Reino Unido.
Nesta liña, a titular de Mar explicou que a comunidade galega está ultimando un informe -coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o sector- con datos socioeconómicos para trasladar ás institucións europeas e que sexan tidos en conta nas consultas entre a UE e o Reino Unido. Deste xeito, o que defende Galicia, especificou a titular de Mar, é un acordo de posibilidades de pesca entre ambas partes que teña en conta os aspectos económicos e sociais ademais dos medioambientais, cuestións que obvian tanto o acordo deste ano como as propostas que se están a facer para o ano que vén pois dan resposta unicamente a recomendacións biolóxicas, cando ás veces os modelos utilizados non se axustan con exactitude á situación real dos caladoiros.
Unha das especies que abordará o informe de Galicia e que é fundamental para a frota galega é a pescada do norte, a primeira en facturación e a cuarta en descargas nas lonxas da comunidade. Para este recurso, o punto de partida das negociacións é unha proposta de redución do 27%, o que Galicia considera negativo e aposta por suavizala pois nos anos anteriores a cota desta especie xa sufriu importantes descensos.
O informe tamén analizará algunhas das especies secundarias para a frota galega, sobre as que os científicos propoñen medidas de precaución ante a falta de datos relacionados co estado das poboacións. Ademais de facer fincapé nos argumentos socioeconómicos, a comunidade galega tamén está traballando na elaboración de propostas en base aos estudos medioambientais, pois considera que permitirían establecer cotas de pesca máis altas.
En canto á negociación destas cotas nas augas compartidas co Reino Unido, Galicia tamén reclama maior transparencia entre as institucións con capacidade de actuación neste procedemento. Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que en todo o proceso deste ano houbo moita indefinición e que os estados membro tiveron un papel de negociación moi limitado, o que impediu adaptar as cotas de pesca ás circunstancias das súas pesqueiras e das súas frotas.

Combustible bonificado

Outro dos temas deste encontro foi a próxima conferencia ministerial da Organización Mundial de Comercio na que se prevé que se aborde a eliminación do combustible bonificado para a frota pesqueira que propón a OMC. Galicia rexeita a súa supresión xeneralizada xa que pon en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego, que practica unha pesca responsable e sustentable. Neste sentido, a comunidade galega considera que se poden adoptar outras medidas para atallar a pesca ilegal e as prácticas irresponsables de determinadas frotas sen prexudicar a aquelas que actúan de xeito responsable.
En relación con este asunto, a Xunta está ultimando un informe que aborda o impacto normativo e socioeconómico desta medida sobre a frota galega desde o punto de vista do level playing field e que trasladará a Bruxelas e á OMC. Este informe tamén tratará aspectos relacionados co impacto ambiental e a pegada de carbono, unha cuestión que Galicia segue con atención e na que tamén traballa co obxectivo de promover o uso de combustibles máis eficientes no eido medioambiental. Unha mostra é o evento virtual que se celebrará este mércores e que organiza a Xunta coa Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD). Nela diferentes expertos europeos debaterán sobre vías que fomenten unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono.