Ribeira empeza este luns Amaribeira, con descontos por valor de 215.000 euros no pequeno comercio e a hostalería local

13 Novembro 2021

“É o momento de apoiar máis que nunca o comercio local”. Con estas palabras presentou esta mañá o alcalde Manuel Ruiz a nova iniciativa do Concello en favor do noso tecido económico: a campaña “AMARIBEIRA”, unha iniciativa que propiciará a aplicación dendescontos por valor dun total de 215.000 euros no pequeno comercio e a hostalería do municipio, incluíndo servizos como ximnasios, perruquerías, axencias de viaxe, etc…
Manuel Ruiz explicou que a campaña terá dúas fases diferenciadas.
A primeira delas está orientada aos negocios adheridos á plataforma Ribeira Store (https://ribeirastore.com/), durará entre o 15 e o 30 de novembro e vai poder beneficiar con cupóns de desconto de 30 euros a 500 veciños do municipio maiores de idade.
A mecánica está explicada na páxina web https://amaribeira.gal/.
Ditos descontos serán de 10 euros por cada 30 euros de compra mínima. Noutras palabras, os consumidores poderán optar por facer unha, dúas ou tres compras segundo o importe das mesmas:
Importe compra Desconto
30€ 10€
60€ 20€
90€ ou máis 30€
Teñen a oportunidade de adherirse a esta primeira fase todos os establecementos rexistrados en Ribeira Store que conten co TPV virtual existente na plataforma como medio de pago. Poden apuntarse a partir de hoxe mesmo ata a finalización da campaña. A segunda fase está destinada a que 6.666 veciños maiores de idade empadroados aquí se beneficien de descontos de 30 euros a investir no tecido comercial e hostaleiro do municipio. Neste caso, operará
entre o 1 de decembro e o 31 de xaneiro de 2022. Os bonos poderán descargarse previo rexistro en ww.amaribeira.gal. Pensando en aqueles non familiarizados con esta tecnoloxía tamén se poden solicitar de forma presencial na Oficina de Atención Cidadá da Casa do Concello.
Distintivo
A mecánica no consumo dos 30 euros é similar a do caso anterior (10 euros por cada 30 de compra mínima). As tendas e demais negocios poden adherirse a partir do 8 de novembro. Todos os establecementos implicados recibirán un distintivo para expoñer fisicamente nos seus locais e que foi tamén amosado no acto de hoxe.
O alcalde estimou que entre un terzo e un cuarto da poboación total maior de idade de Ribeira (uns 22.000 veciños) teñen a oportunidade de beneficiarse desta iniciativa, que permitirá insuflar arredor dun millón de euros ao pequeno comercio e a economía local. “Ningún ribeirense vai poder escusa para poder comprar no seu concello”, engadiu o rexedor, sinalando ademais que a contía dedicada a esta campaña é moi similar á recadación municipal de tributos como o ICIO.
No acto de presentación o alcalde estivo acompañado do presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez, de diversos membros do executivo local e máis do voceiro do grupo socialista, José Manuel Vilas, quen recordou que este foi un dos catorce compromisos adquiridos polo seu partido co goberno municipal para
sacar adiante os orzamentos do Concello. “O dialogo sempre dá froitos”, manifestou ao respecto o alcalde.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...