Este martes a mocidade boirense celebra o Festival Turbina con actividades, obradoiros e concertos

O departamento de Cultura do Concello de Boiro, xunto coa OMIX, levaron a cabo o proxecto Turbina, que ten como obxectivo de involucrar á xente moza na organización e programación de actividades pensadas para a mocidade. Deste grupo de traballo formado por mozos e mozas voluntarias, xurdiu o Festival Turbina que mestura obradoiros, actividades e concertos programados pola mocidade e pensado para a mocidade.

A primeira edición do Festival Turbina vaise realizareste martes 10 de agosto no parque da Cachada, con actividades durante todo o día. Toda a programación se vai realizar con capacidade limitada e control de acceso, ademais de ser obrigatorio cumprir con todas as medidas e restricións sanitarias durante o desenvolvemento das actividades.

Os concertos, que se van celebrar na pista central do parque da Cachada comezan ás 10.45 horas con The Cuncas; ás 16.00 horas DJ Alvaro M; ás 17.30 horas A Costa Nosa; de 19.45 a 20.30 horas micro aberto; ás 20.45 horas Astray e ás 22.30 horas Copa Turbo.
Pola mañá, ás 12.30 horas haberá unha xincana e batalla holi na pista central da Cachada e os arredores coa música de Las hijas de ZP, pola tarde nas pistas de A Boqueira de A Negral, haberá obradoiros de Skate, Danza Urbana e Tie Dye.

Toda a información sobre as actividades do festival Turbina e inscricións para as actividades poden facerse na web municipal do Concello de Boiro. A concelleira de cultura, María Outeiral, presentou as actividades do festival xunto con Andrea Ramírez e Ana García, que participan na organización do evento, e Patricia Giao e Jaime Bello, do departamento de cultura.