A Deputación da Coruña combate a desigualdade coa campaña Tecnofeministas

A área de Igualdade da Deputación da Coruña difunde o vídeo e a guía didáctica Tecnofeministas: cinco voces para construír igualdade dende as redes, co fin de animar á mocidade a se converter no motor do cambio social contra o machismo, achegando discursos alternativos e igualitarios dende a vangarda das profesións e as vocacións tecnolóxicas. Doutra banda, convoca o concurso de viñetas Moito por cambiar.

Ambas iniciativas apostan pola mocidade coma protagonista do cambio e facilitan o acceso a referentes e ferramentas coas que crear discursos alternativos a favor da igualdade de xénero.

A deputada, María Muiño sinalou que “estas propostas son fundamentais para construír o futuro e fomentar o uso das novas tecnoloxías, así como para avanzar na igualdade”. De Feito, o programa Tecnofeministas conta coa colaboración de Vanesa Castro, de Für Alle Fälle; Lourdes Pérez Indaverea, deseñadora de videoxogos; Sonia Méndez, directora do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay; Laura Tabarés, investigadora, artista e memeira; e Ana Moreiras, profesora de tecnoloxía e autora de Madia Leva.

A súa vez, o XII concurso de viñetas, que pretende facer reflexionar á mocidade sobre os efectos e impactos da COVID-19, terá dúas categorías, unha para mozas e mozos de 12 a 14 anos e outra para 15 a 18, con tres premios en cada unha delas.O prazo de presentación rematará o 26 de abril.