Primeiro paso para converter en rúa a estrada de Palmeira

30 Marzo 2021

Actuarase ao longo de 1 km coa fin de garantir a seguridade viaria e de potenciar o carácter de vía lenta da travesía, priorizando a mobilidade peonil e actuando sobre o deseño integral da rúa.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe da licitación da redacción do proxecto construtivo da actuación destinada a gañar espazo para as persoas e mudar a imaxe da estrada AC-305 na travesía de Palmeira, en Ribeira. O obxectivo, dixo é “transformar unha estrada nunha rúa”.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde da vila, Manuel Ruiz Rivas, e o presidente da Fundación RIA, David Chipperfield, presentou esta nova actuación no municipio.

En palabras da conselleira, “trátase de recuperar o espazo público da estrada autonómica para os veciños de Palmeira, con actuacións que supoñan a mellora da mobilidade e da seguridade viaria”, e que levarán aparellado un investimento da Xunta de arredor de 2,2 millóns de euros.

Concretou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica desde hoxe o anuncio da licitación, por case 262.000 euros, do contrato para a redacción do proxecto de construción e dirección das obras das actuacións para humanizar a travesía de Palmeira. As empresas interesadas teñen ata o 4 de maio para presentar as súas ofertas.

O prazo total de execución do contrato é de 21 meses e, segundo explicou a conselleira, o obxectivo é dispor do proxecto construtivo redactado na primavera do vindeiro ano para, a continuación, licitar as obras.

Ethel Vázquez explicou que esta intervención, que terá en conta a participación veciñal e do propio Concello de Ribeira, persegue ofrecer un carácter máis humano e máis social á estrada a medida que pasa polo centro urbano de Palmeira. Desa forma búscase adaptar a configuración da AC-305 á realidade actual deste núcleo de poboación, para conseguir unha vía completamente integrada no tecido urbano.

Actuarase ao longo de 1 km con distintas intervencións encamiñadas a garantir a seguridade de peóns e de condutores, a potenciar o carácter de vía lenta, priorizando a mobilidade peonil, e actuando sobre o deseño integral da rúa.

Vázquez Mourelle explicou que se reordenará a sección transversal da estrada, reducindo o ancho de carril e dotando as marxes de franxas verdes e arborado, co obxectivo de gañar espazo para os peóns e de facer máis humana a vía. Tamén, de cara a reforzar a seguridade viaria, minorarase a velocidade a 30 km/hora.

A conselleira indicou que para priorizar a mobilidade a pé dos veciños, reducindo o protagonismo dos coches, disporanse plataformas únicas, habilitaranse aparcadoiros alternativos, ampliaranse as beirarrúas e dotarase a zona de mobiliario urbano, para uso e desfrute da xente.

Ademais, incidiranse no deseño integral da rúa, procurando a maior integración urbana e paisaxística de todos os elementos, o tendido eléctrico, o saneamento e outros servizos urbanos, os pavimentos, as ramplas e encontros de superficies.

Ethel Vázquez salientou que este conxunto de actuacións que se están a impulsar desde a Xunta en colaboración coa Fundación RIA queren mudar por completo a imaxe da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira.

Afirmou que esta actuación en Palmeira será un exemplo que se replicará noutras zonas da estrada AC-305 en contornos urbanos para adaptar a vía á súa funcionalidade.

Esta actuación forma parte do convenio asinado en xaneiro pola Xunta e Fundación RIA, cun investimento de 212.000€, para deseñar intervencións en 5 ámbitos urbanos desta estrada no Barbanza para lograr unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns.

Outros artigos

Ribeira premia os comercios mellor decorados na XIX edición de Artemar

A votación popular recoñeceu a ambientación mariñeira d’O Bazar de Álvaro, Iluminación Lijó e A Recoveira. Premio Recoveira O Concello de Ribeira fixo entrega dos galardóns correspondentes ao Concurso de Decoración de Establecementos, enmarcado dentro da décimo novena...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“De momento… no es así…”. José Fernández Lago

“De momento… no es así…”. José Fernández Lago

Puedo continuar afirmándolo porque lo veo con toda claridad, después de haber estado siempre atento a lo que sucedía. Sí, aunque otros de quienes cabría esperar que estuvieran comprometidos en ello no hayan respondido adecuadamente, yo he estado siempre inmerso en lo...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.