O plan reitor do Parque Natural de Corrubedo supera un dos últimos trámites antes da súa aprobación pola Xunta

17 Marzo 2021

O Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán superou hoxe un trámite decisivo de cara á súa aprobación por parte do Consello da Xunta. A xunta reitora do parque natural foi informada esta mañá do contido do decreto de modificación do Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e de aprobación do PRUX, documento que inclúe tres anexos coa proposta de zonificación, o contido do novo plan reitor e a cartografía.
Unha vez superado este trámite, o novo instrumento estará en disposición de someterse a consulta pública este mesmo mes por un período de 15 días. Finalizado o devandito prazo e tras analizar as achegas recibidas e valorar posibles modificacións, o PRUX remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) para sometelo ao seu informe, previsiblemente no mes de abril. Este será o último paso antes da
súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.
Cómpre lembrar que o PRUX é un documento requirido pola Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia para regular os usos públicos dos parques e reservas naturais da Comunidade, así como as medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.
O novo Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural de Corrubedo desenvolve as directrices emanadas do PORN aprobado en 1992 a través do establecemento de medidas de regulación específicas das diferentes actividades e de conservación dos compoñentes clave da biodiversidade, ao tempo que precisa os criterios de zonificación así como a propia xestión do territorio, tendo un compromiso claro coa súa conservación e o seu uso racional a través de accións locais, rexionais e nacionais.
Os principais obxectivos que fixa o plan reitor de usos e xestión para o complexo dunar, tal e como lle trasladou á xunta reitora esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, son xerar e reforzar canles para o fomento do coñecemento científico e a divulgación, regular as actividades de uso público, os aproveitamentos e calquera outro uso, establecer un marco normativo para o desenvolvemento sostible da poboación local, realizar
unha proposta orzamentada de accións a desenvolver e establecer as bases para seguimento e avaliación.

Así mesmo, tamén establece e regula os usos dentro de cada unidade de zonificación establecida. As case 1.000 ha que abarca o parque divídense en tres: zona I ou de uso limitado (573 ha), áreas con valores naturais excepcionais que requiren dunha maior protección, diferenciando entre zona litoral e zona de lagoas e marismas; zona II ou de uso
compatible (369 ha), áreas que albergan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou de interese para a conservación, incluíndo espazos moi demandados polo uso público, como a praia; e zona III ou de uso xeral, que inclúe os terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividade antrópica elevada, como parcelas urbanas, equipamentos e infraestruturas de uso público.
Entre as medidas concretas fixadas no PRUX, cómpre subliñar a erradicación ou control da presenza de especies exóticas invasoras (EEI) dentro do seu ámbito, marcándose como obxectivo reducir como mínimo nun 75% a presenza de EEI na zona de uso limitado e polo menos nun 25% no conxunto do parque natural; restaurar aqueles hábitats e especies de interese afectadas pola presenza deste tipo de especies; e evitar expresamente o cultivo da
acacia e a cortaderia seollana (herba da pampa).
En canto aos usos e aproveitamentos previstos, seguirase permitindo na zona libre de marisqueo da praia de Ladeira, e baixo as condicións actuais, o aproveitamento de recursos mariños, mentres que con relación aos usos agrogandeiros no parque, tamén se manterán prevéndose a curto e medio prazo que as explotacións continúen a ser pequenas, cun alto grao de parcelación e orientadas, principalmente, a autoconsumo.
De igual xeito, dentro do PRUX inclúense unha serie de directrices co obxectivo de favorecer a diversificación dos aproveitamentos das masas forestais e a progresiva substitución de masas de piñeiro insigne por masas de especies autóctonas.
No relativo á praia, permitirase o acceso exclusivamente a pé e só polas vías e áreas autorizadas e prohíbese a realización de windsurf, land windsurf, kitesurf e deportes similares aínda que si se permitirá a práctica de surf e pádel surf de xeito individual.
Outra das novidades introducidas polo documento é o establecemento dun plan de emerxencias, co que se pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque natural, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha posible situación de risco e minimizar as súas consecuencias sobre persoas, bens materiais, naturais ou culturais que poden producirse ante unha emerxencia.
Memoria actividades e programación para este ano
Por outra banda, esta mañá tamén se presentou ante os membro da xunta reitora do Parque Natural de Corrubedo as memorias a modo de balance sobre as principais actividades realizadas nos últimos anos neste espazo natural.
Así mesmo, fíxoselles un adianto do que será a programación a executar por parte da Xunta no parque ao longo deste ano, na que se inclúen medidas de conservación e rexeneración dos hábitats autóctonos, seguimento e recuperación da píllara das dunas, eliminación de flora exótica invasora, programas de investigación da man das tres universidades galegas, campañas de voluntariado e accións divulgativas dirixidas a escolares e poboación en xeral.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.