Máis de 3.000 escolares mergulláronse no galego durante 21 días da man de Política Lingüística

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de facer balance do acadado coa iniciativa para mergullar no galego durante un período marcado de tempo (21 días) á nosa mocidade de secundaria. Finalmente máis de 3.000 escolares concluíron con éxito o desafío dos 21 días co galego e + (terceira edición), que a Xunta decidiu exportar a toda a xeografía galega dende o exemplo concreto da Pobra do Caramiñal, onde tivo a súa orixe a experiencia (con notábeis e importantes froitos) da man da profesora Pilar Ponte.

Dez centros educativos participaron na versión estendida da terceira convocatoria. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou este 15 de marzo, a través de vídeo-reunión, a terceira edición deste programa de dinamización con importantes vertentes online.

Dende A Pobra

Entre as iniciativas recentes para dar impulso á nosa lingua no ámbito docente sen dúbida destaca a actividade 21 días co galego, posta en marcha hai anos no IES da Pobra pola profesora Pilar Ponte, que foi quen de mobilizar a unha chea de rapazas e rapaces para que se lanzasen a falar a nosa lingua, sen interrupción, durante o número de xornadas que se estipula no nome do proxecto. Tal e foi a repercusión da proposta que a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, decidiu levala máis aló do local e estendela a todo o ámbito galego. Tal e como se prevía, o chimpo autonómico de 21 días co galego (chamado agora 21 días co galego e +) saldouse cun notábel éxito nas súas dúas primeiras edicións. Para a terceira entrega, acadou a implicación directa de máis de 3.000 estudantes de dez centros de ensino, que comezaron co novo ano o reto das máis de cincocentas horas convertidos en galegofalantes.

Terceira edición

A terceira edición do programa de dinamización lingüística concluíu o reto ao que se sumaron hai tres semanas máis de 3.000 alumnas e alumnos de educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, que se comprometeron a falar só en galego durante as 24 horas do día nas 21 xornadas de duración que marca a iniciativa, tanto dentro coma fóra da contorna escolar. Dez centros de ensino, un deles por primeira vez de Primaria, pechan así unha ampla e intensa programación desenvolta durante máis de 500 horas.

“Rematamos por terceira vez e con grande éxito de participación o programa, no que lle agradecemos o esforzo do profesorado, nomeadamente aos equipos de dinamización da lingua galega”, sinalou o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García, quen destacou “o grao de implicación na iniciativa de toda a comunidade escolar e das familias, nun compromiso amplo co coñecemento e dinamización social da lingua propia de Galicia, do que nos sentimos satisfeitos porque é o que se necesita para impulsar conxuntamente o uso do galego pola mocidade en todos os ámbitos máis alá destes 21 días que hoxe rematamos”. “Sodes o futuro da lingua galega, estamos orgullosos de vós”, concluíu.

Acompañárono na clausura oficial os coordinadores docente e técnico da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García; así como o profesorado representante dos IES Perdouro de Burela, Miruca Parga; IES Taboada Chivite de Verín, Guimar Vázquez; e CPR A Inmaculada de Lugo, Manuel Barreiro, e alumnado participante.

Perfeccionar o galego dentro e fóra das aulas

O programa 21 Días co Galego e + é unha iniciativa que ten como obxectivo que a xente nova fale máis o galego e que perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Na súa terceira edición, a iniciativa estendeuse de maneira piloto á etapa de Primaria, coa participación de alumnado de entre 3º a 6º de Primaria.

Como novidades, xeneralizouse a participación de todas as materias no conxunto de centros, converténdose “nun proxecto transversal”, coa especial implicación no caso do IES Ramón Cabanillas de Cambados, no que os 21 Días co Galego e + remataron por converterse en “eixe vertebrador2 do proxecto de centro para o curso escolar.

A edición 2021 tivo unha especial colaboración e difusión cos medios de comunicación públicos. Isto fíxose, por unha banda, cunha participación no programa Galicia por Diante da Radio Galega cunha sección diaria fixa durante os 21 días na que o alumnado de cada un dos centros, acompañado polo seu profesorado, tivo a oportunidade de expoñer á sociedade galega os proxectos nos que están a traballar. E, por outra, mediante a colaboración do equipo do espazo da TVG #DígochoEu!, que mantivo encontros virtuais con nove dos centros e un encontro presencial sorpresa con outro.

Máis de 500 horas de presenza na Internet

A nova convocatoria do programa fíxose eco do seu desenvolvemento no blog 21 Días co galego e +, desde onde foi seguida por todos os participantes, mentres que a canle de YouTube recibiu 244.615 impresións, tivo 63.823 reproducións, 144 subscricións e acumula 2.421 horas de tempo de visualización dos 224 vídeos colgados que foron realizados polo alumnado.

Canto aos perfís nas redes sociais, o de Facebook, que conta con 936 seareiras e seareiros, recibiu no último mes 1.150 visitas cun alcance de 16.918 persoas, 9.215 interaccións coas publicacións e 15.169 reproducións de vídeo, mentres que o de Twitter, que suma 339 seguidores, elevouse ata as 72.900 impresións nos últimos 28 días e máis de 3.239 visitas ao perfil. Ademais, a conta de Instagram @21dcgemais interactúa con 573 followers e estreouse nesta edición unha conta de TikTok asociada ao programa.

Dunha experiencia de centro a toda Galicia

Como dixemos, 21 Días co Galego e + é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en 21 Días co galego, unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, tivo os seus inicios no IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), da man da profesora de lingua galega e literatura Pilar Ponte.

A iniciativa, centrada no fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo e recibiu o premio da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia na modalidade de Lingua.

Desde o curso 2018-2019, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asumiu o proxecto como propio, no marco do seu Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, para así facelo extensivo a outros centros de Galicia.

Tras esta terceira edición, os 21 Días co Galego e + computan xa un total de 8.931 participantes, nos 24 centros educativos que se sumaron ao reto do galego con alumnado de entre oito e 18 anos.