O proxecto Acende o Xacobeo alumea dende este martes a igrexa de Santa Columba de Rianxo

A igrexa de Santa Columba de Rianxo vai ser unha das grandes protagonistas, este Nadal, da estratexia de reivindicación turística, patrimonial e cultural que desenvolve o Goberno galego a través do proxecto Acende o Xacobeo. En concreto, formará parte dos 14 monumentos da provincia da Coruña (14 monumentos directamente vencellados ao Camiño de Santiago) que ficarán alumeados a xeito de mensaxes simbólicas de afouteza, resistencia e recuperación.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que dentro do programa Acende o Xacobeo, que inclúe a iluminación de 91 monumentos singulares de toda España, este 22 de decembro iluminaranse a Torre de Hércules da Coruña, o teatro Jofre de Ferrol e a Igrexa de Santa Columba en Rianxo. Estes edificios sobranceiros manteranse prendidos até o 25 de decembro. Posteriormente haberá outras dúas fases entre o 26 e o 28 de decembro e entre o 29 e o 31 de decembro. En total, iluminaranse 14 edificios emblemáticos da provincia coruñesa.

Segundo explicou Trenor, trátase de “monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola provincia, aos que se suman outros 27 monumentos do resto de provincias galegas e 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa”.

O alumeado nos concellos galegos levarase a cabo de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.