Rubén Martínez Mayo e Tina Fernández Barreiros venceron no Trail
Curto, no que tomaron parte 127 persoas.
Os atletas Elpidio Gómez Sousa (Castro Trail) e Aroa Sío Recknold (Land Sport & Hoka One One) fixeron bos os prognósticos e gañaron con total
autoridade o IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que tivo lugar esta mañá polos montes de San Lourenzo e o Iroite. No trail curto impuxéronse Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira) e Tina Fernández Barreiros (Atletismo Sar Vermú Petroni).
A pesar de que as 400 prazas dispoñibles foron cubertas, incluso con 58 persoas en lista de agarde, finalmente as restricións impostas pola Covid-19 impediron a moitos atletas achegárense ata Lousame. Finalmente, tomaron a saída un total de 272 persoas, 145 na proba absoluta e 127 no trail curto.
Unha das grande ausencias foi a do nicrariense Luís Calvo Castro, quen gañara as tres probas anteriores e que estaba inscrito co dorsal número 1, pero finalmente non puido acudir.
Elpidio Gómez Sousa, subcampión na anterior edición, subía este ano ao máis alto do podio cun tempo de 2 horas, 5 minutos e 14 segundos, sacándolle medio minuto ao segundo clasificado, Marcos Naya Badallo (AD Jarnachas), que marcou un tempo de 2:05:46.
Completou o podio Carlos Lorenzo Blanco, atleta independente, cun tempo de 2 horas, 6 minutos e 40 segundos.
Na categoría feminina, repetiuse o mesmo podio da edición 2019. Así, a vitoria foi, por terceiro ano consecutivo, para a viguesa Aroa Sío Recknold, 28ª na clasificación xeral cun tempo de 2 horas, 32 minutos e 30 segundos. Aroa Sío demostrou que as terras lousamiás se lle dan moi ben e xa leva 3 vitorias en 3 participacións. Se cómoda foi a vitoria de Elpidio Gómez, maior foi a de Aroa, quen lle sacou case 3 minutos á segunda clasificada: María Ferreiro Pérez (GMTA&Chuvoners), con 2:35:04. A súa compañeira de equipo, Silvia Casal Domínguez, fíxose co terceiro posto cun tempo de 2 horas, 37 minutos e 9 segundos.
Todos e todas as participantes coincidiron en destacar a importancia e a valentía do Club Lousame Deporte e do Concello de Lousame por volver programar probas de trail, así como na dureza do trazado deste ano. Se ben todos aplaudiron o fermoso percorrido deseñado, tamén sinalaron a dureza de subidas como ao monte Iroite, compensada por 4 ou 5 minutos das mellores vistas da ría de Muros e Noia.
No que atinxe ao Trail Curto, o triunfo foi para Rubén Martínez Mayo cun tempo de 1 hora, 5 minutos e 35 segundos, que o levaron a ser o primeiro atleta en entrar en liña de meta. Moi preto del e disputando un derradeiro sprint polos sendeiros de San Mamede chegou o gañador da edición de 2019, Tono Gómez Ríos (Atletismo Sar-Vermú Petroni), cun tempo de 1 hora,
5 minutos e 46 segundos. Completou o podio Amador Pena Torreira (SD Compostela Atletismo) cun tempo de 1 hora, 9 minutos e 17 segundos.
Na categoría feminina, Tina Fernández Barreiros dálle o relevo a Beatriz Barroso Pérez, quen este ano decidiu probar sorte no Trail Longo e obtivo unha meritoria cuarta posición.
Fernández Barreiros entrou no posto 39 do Trail Curto, marcando un tempo de 1 hora, 25 minutos e 17 segundos. Case dez minutos despois entrou a segunda clasificada, a noiesa Teresa Castro Villaverde (Club Atletismo Noia), cun tempo de 1 hora, 35 minutos e 2 segundos. Belén Riadigos Cardigonde (CTR Galaico Trail Run) marcou o terceiro mellor tempo 1:36:30, relegando á atleta local Natalia Martínez Arias (Club Lousame Deporte) ao cuarto posto.
Entrega de premios
Como medida especial anti-covid, os premios foron recollidos polos propios atletas, baixo a presidencia do tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; Néstor Romero, técnico de Deportes e presidente do Club Lousame Deporte; e José Luís Nava Ruíz, representante de Lurbel. Por segundo ano consecutivo, o Tribu Trail levou o premio ao equipo con maior número de
participantes (21, catro máis ca na edición de 2019). Os premios aos atletas máis veteranos foron para Tomás López Pinal (CDM Xesteiras), que entrou no posto 134 da proba absoluta (3 horas, 51 minutos e 2 segundos) e a independente Maite Ponte Mayán, posto 121 do trai curto con 2 horas, 17 minutos e 22 segundos.
sí mesmo, entre os 272 atletas que chegaron á meta sorteáronse agasallos consistentes en produtos artesanais elaborados en Lousame (como licor de Berrimes, mel e marmeladas de Merelle, kiwis…).
Desenvolvemento da proba
O tempo foi do agrado dos atletas xa que a choiva non foi moi intensa e o vento non foi moi forte. Aínda así, as choivas das últimas datas notáronse e deixaron un escenario bastante esvaradío, se ben non houbo que lamentar ningunha incidencia. A novidade deste ano foi a presenza da mascota do Club Lousame Deporte, o xabarín “Jibilén”, quen animou aos atletas
na saída.
Unhas saídas realizadas de acordo aos protocolos covid, en quendas de 12 atletas e deixando 1 minuto entre cada quenda, o que motivou algún que outro despiste á hora de designar aos gañadores finais da proba. Así mesmo, os atletas tiñan que levar a máscara durante o inicio e a fin da proba, así como cando estiveran preto doutra persoa. Para evitar aglomeracións de xente, a organización separou as probas no tempo (1 hora entre unha e outra saída) e tamén as recollidas de dorsais. Como exemplo da meticulosidade coa que se levou todo, os baños portátiles dispostos en San Mamede eran limpados antes de cada uso.
Dende o Concello de Lousame agradecen especialmente a colaboración dos máis de 70 voluntarios e voluntarias, sen cuxa axuda non tería sido posible o desenvolvemento da proba: Voluntariado de Lousame, Club Lousame Deporte, Cruz Vermella Noia, Protección Civil de Lousame e Club BTT O Treito. Esta cuarta edición do trail San Silvestre de Lousame, a primeira que non ten lugar na contorna das minas de San Finx, foi organizado polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, que contan coa colaboración de Lurberl, Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One e 226ers.