Daniel Sampedro e Asier Sampedro, gañadores do concurso para ilustrar o cartel e a postal de Nadal do Concello de Ribeira

A edil María Sampedro entrega os cheques ós gañadores do concurso

O concurso de debuxo e pintura promovido dende a Concellería de Cultura de Ribeira permitirá aos nenos Daniel Sampedro Varela (11 anos e estudante no CEIP de Frións) e Asier Sampedro Narros (9 anos e alumno no CEIP O Grupo) deixar súa sinatura no Nadal do Concello de Ribeira. Por un lado, Daniel Sampedro ilustrará o cartel coa programación de Nadal, e Asier Sampedro deseñará a postal oficial do Concello.

O certame acolleu un total de 350 traballos enviados por todos os nenos do municipio. O xurado formado por Eugenia Gómez Vidal, Antonio Pérez Pérez e Xoán Pastor Santamaría, coa concelleira de Educación Juana Brión como presidenta, foron os encargados de ditaminar os gañadores.

O cartel coa programación de Nadal será ilustrado por Daniel Sampedro, que conseguiu facerse co premio logo de enviar unha composición na que representa a fachada da cidade coas cores das letras de Ribeira. Pola súa parte, Asier Sampedro foi galardoado na categoría da postal, logo de ilustrar uns peixes encarnan os Reis Magos e a Estrela de Nadal, entre outros elementos.

A edil María Sampedro foi a encargada de presentar os gañadores e outorgarlles un cheque xigante por valor de 120 euros a investir no comercio local, así como un diploma acreditativo. Ademais aproveitou para anunciar que xa está dispoñíbel na praza do Concello e no resto de parroquias, un “punto de recollida de soños” onde os nenos poderán depositar os seus desexos.