O BNG solicitará o estudo de alternativas para a circunvalación de Ribeira

O BNG de Ribeira anunciou esta semana que vai solicitar formalmente trazados alternativos para a circunvalación de Ribeira: diferentes opcións que minimicen o impacto ambiental, social e acústico. A decisión de pedir trazados alternativos colleu impulso logo dunha xuntanza (este luns) cos representantes do colectivo de afectados polo trazado da circunvalación de Ribeira que promove a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade. A maiores, o BNG de Ribeira lembra que leva anos defendendo a necesidade de que Ribeira conte cunha estrada de acceso das ditas características, “pero sen problemas ambientais, sociais e de investimento desproporcionado” (os nacionalistas teñen levado ao Parlamento alternativas ao trazado).

Na devandita xuntanza os concelleiros nacionalistas atenderon as demandas do colectivo que alegou “múltiples inconvenientes do trazo proxectado pola Xunta como son o alto impacto ambiental que tería ao mover 330.000 m³ de terra e a contaminación acústica e o impacto social pola afección que se prevé nas vivendas do lugar de Cruxeiras ou nas instalacións públicas como a escola infantil municipal e varios centros educativos”. Ademais, púxose sobre a mesa outra cuestión, que son os supostos erros de trazado “ao se contemplaren curvas de 90 graos e pronunciados desniveis”, explicaron.

O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, trasladou ao colectivo de veciños afectados o compromiso do BNG por estudar alternativas ao trazado proposto pola Xunta propoñendo que se avalíe, “mediante a realización dun estudo independente”, o proxecto feito por un arquitecto rianxeiro que obtivo o premio OvisaVISA que concede a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos da Coruña e se estude a posibilidade de mellorar a estrada CP-7301 que une Xarás con Frións e Carreira.

Desde o BNG consideran “importante” facer un estudo no que “se valore a reforma da estrada de Frións para facer dela a circunvalación que Ribeira precisa”. Os argumentos esgrimidos polos nacionalistas son que “esta alternativa tería menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar a núcleos habitados e sería máis económica pois só habería que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais”. E engadiron: “Mesmo daría servizo a poboacións como Carreira e Aguiño cuestión que a proposta actual non contempla”.