As Casas dos Mestres de Rianxo, mergulladas nun proceso para converterse en fogares para xente en risco de exclusión e vítimas da violencia de xénero, recibiron este mércores a visita da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen salientou o importante esforzo feito polo Concello, co apoio firme do seu departamento, para poñer en valor as ditas construcións e dispoñelas ao servizo da cidadanía. Na súa estadía en Rianxo estivo acompañada polo alcalde, Adolfo Muíños.
A nivel autonómico, a conselleira destacou que en menos de catro anos puxéronse en valor, en diversos concellos, até 125 inmóbeis, ao abeiro do Programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres, posto en marcha pola Xunta no ano 2017.
Na súa visita a Rianxo comprobou de primeira man os traballos realizados para recuperar oito vivendas nas antigas residencias docentes, que agora o Concello poderá adxudicar entre os veciños inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda; polo que coa entrada dos inmóbeis solucionaríase, salientou a conselleira, o 100% da demanda actual que existe no termo rianxeiro.
Para a rehabilitación destas vivendas, a Xunta dispuxo un orzamento de case 300.000 euros, que agora se traducen en dispor de oito fogares para senllas familias que “acceden a un fogar en alugueiro nunhas condicións moi vantaxosas”, dixo a conselleira, engadindo que este programa autonómico, que partiu dun orzamento global de máis de catro millóns, cumpre cun obxectivo duplo: por unha banda crear ou ampliar o parque de vivenda pública en alugueiro propiedade dos concellos, así como recuperar inmóbeis que -de non actuar- acabarían abandonados e degradados, pois en ocasións os concellos non dispoñen dos recursos necesarios para acometer este tipo de actuacións.