Pablo Arangüena: “O turismo hai que fomentalo máis alá do Camiño de Santiago, a costa galega está sen aproveitar e sen ordenar a nivel turístico”

09 Xullo 2020

Os socialistas galegos fan fincapé na riqueza da nosa costa, pero tamén na necesidade de conservala e potenciala, dun xeito ordenado e sustentábel. Pablo Arangüena, cabeza de lista do PSdG-PSOE pola provincia da Coruña, aposta por unha política industrial diametralmente aposta á da Xunta e que compense a caída económica que se vai producir.

-Dende O Barbanza interésanos moito, e aos nosos lectores tamén, coñecer os plans xenéricos do seu partido para a comarca en relación ás vindeiras eleccións autonómicas, convocadas finalmente este verán. Cales son os estes plans a nivel comarcal? E a nivel provincial?

-Con independencia das necesidades de cada localidade, o Barbanza ten que poñer en valor os seus recursos e mellorar con carácter xeral as súas comunicacións, así como dedicar recursos comúns (a nivel autonómico) a fomentar o turismo, singularmente o costeiro, dado que temos unha das costas máis ricas e variadas, pero temos que conservala e ordenala, non permitir a masificación ilimitada e desordenada. Impulsaremos a economía azul con decisión, creando un fondo autonómico a tal efecto. A nivel provincial, tamén é importante mellorar as comunicacións pero resulta igual de importante unha política industrial que compense a caída económica que se vai producir. Máis que nunca necesitamos a política industrial que a Xunta non fixo nos últimos 11 anos, así como engancharnos a transición ecolóxica xusta e ós fondos europeos que vai presupostar Europa.

-Estamos a vivir tempos complexos dende moitos puntos de vista, non só sanitarios senón tamén económicos, sociais, culturais, etc. Esta situación ten que influír por forza nos programas dos partidos. Cal sería a proposta da súa agrupación para contrarrestar, nos nosos concellos, os efectos da chamada COVID-19?

-O PSdeG foi o primeiro en propoñer para Ribeira un Plan de Acción para recuperar a actividade social e económica no municipio. Este Plan foi tomado en consideración polo Goberno municipal e tras varias reunións e achegas da maior parte dos grupos políticos, tanto os que temos representación na Corporación como aqueles que non a teñen, os axentes sociais, as asociacións cívicas e a Asociación de Empresarios, chegouse á redacción do Plan Reactiva Ribeira que foi asinado e se está levando a cabo, tras ser incluído nas Orzamentos do Ano 2020, o que lle deu un soporte económico para poder executalo.

-Cales son, a nivel económico, os puntos fortes dos nosos concellos para paliar os efectos da pandemia, o parón produtivo e o desemprego? Por que sectores habería que actuar de inmediato? O mar? As renovábeis? As novas tecnoloxías? O turismo? A cultura?

-Os nosos concellos teñen recursos na súa costa, e lembremos que Galicia é a comunidade con máis quilómetros de costa de España, o cal impón fomentar a chamada economía azul, cousa que está con forza no noso programa, pero tamén no seu sector forestal, e lembremos que Galicia é a primeira potencia forestal de España –lamentablemente desaproveitada por falta de política industrial- e ten un gran potencial en enerxías renovables. O turismo hai que fomentalo máis alá do Camiño de Santiago, a costa galega está sen aproveitar e sen ordenar a nivel turístico, o principio é “ti vai facendo” e iso xa non basta. Temos praias, faros, naufraxios, pesca recreativa, o potencial é enorme pero hai que apoialo.

-O paro medrou en Barbanza e noutras moitas comarcas galegas. Que facer para poñerlle freo?

-Necesitamos unha política industrial que non fixo o PP de Galicia nos últimos 11 anos a pesar de ter competencia e orzamentos para elo. Reformar o IGAPE para convertelo nun instrumento de política económica e industrial e non nun organismo que se dedica exclusivamente a repartir subvencións entre os “amiguetes”. Necesitamos focalizar os recursos públicos na actividade produtiva e para iso hai que definir os sectores estratéxicos e non dar subvencións sen xeito e en función do mero favoritismo. Necesitamos tamén unha aposta decidida pola economía azul, antes mencionada, e unha aposta pola economía verde asociada á transición ecolóxica xusta.

-As organizacións tamén advirten dun incremento dos desafiuzamentos e da xente sen fogar. Cal sería a súa proposta para loitar contra esta lacra?

O Goberno central prohibiu os desafiuzamentos durante a crise e hai en marcha iniciativas lexislativas para mellorar a posición dos hipotecados e a seguridade xurídica dos arrendamentos protexendo especialmente a parte máis débil.

-Que bota en falta vostede nas actuais estratexias políticas autonómicas e locais?

-A nivel local, unha ausencia de estratexia en Ribeira que se ven denunciando desde hai moitos anos. A nivel autonómico, falta unha estratexia de país para enfocar integralmente os problemas, non en función dos compartimentos estancos dos distintos departamentos autonómicos, a miúdo facendo cousas enfrontadas pero máis a miúdo non facendo nada. A Xunta é hoxe un mastodonte burocrático ineficiente que en troques de dinamizar e colaborar coa sociedade civil e co mundo empresarial, dificulta.

Outros artigos

Ribeira celebrou unha multitudinaria misa en honra de Santa Uxía

A veciñanza da cidade correspondeu coa súa multitudinaria presenza na misa na honra da Santa Uxía que ás 12 do mediodía de hoxe ocupou por completo o adro da igrexa e a praza da Porta do Sol nun recinto disposto con cadeiras para cumprir coa normativa anticovid. A...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión