O BNG de Ribeira homenaxea a Plácido Betanzos no seu remate de campaña en Palmeira

10 Xullo 2020

O porto de Palmeira acolleu este xoves un novo mitin do Bloque Nacionalista Galego, no que participou a candidata ao Parlamento Rosana Pérez, pedindo o voto para, nas súas palabras, “facer unha nova Galiza”. O BNG ribeirense quixo rematar a campaña na vila mariñeira de Palmeira, facendo un tributo e unha lembranza ao compañeiro falecido Plácido Betanzos, escritor e profesor local, amais de portavoz en Ribeira da devandita agrupación política durante moitos anos. O Bloque quixo lembrar a Betanzos como un “camarada feminista” e “referente” na súa acción diaria.

O acto contou coa participación de Luís Pérez, concelleiro do BNG na localidade, quen defendeu “a necesidade de facer realidade unha nova Galiza da man dun Bloque con experiencia e cun proxecto centrado no país, capaz de mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

Pola súa banda, a candidata ribeirense, Elvira Branco, explicou que “un goberno nacionalista á fronte da Xunta porá en marcha medidas que permitan que toda a mocidade que tivo que emigrar por non ter estabilidade laboral, poida voltar ao país cunha condicións dignas de traballo”.

Pola súa banda, a candidata ao Parlamento Galego, Rosana Pérez, avogou por “deixar atrás once anos de inmobilismo e decadencia do Partido Popular”, engadindo que “se todas as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia”.

Pérez Fernández tamén denunciou “as políticas de desmantelamento de sectores económicos e servizos públicos fundamentais como a sanidade, a educación e a dependencia emprendidos polo candidato do PP en Galiza”.

A candidata rematou facendo un chamamento á participación para que “ningún voto do cambio galego quede na casa, para que todas as persoas que hoxe miran con simpatía ao BNG fagan posíbel que haxa por primeira vez unha muller presidenta dun goberno que mire polos intereses do pobo galego”.

Outros artigos

Ribeira celebrou unha multitudinaria misa en honra de Santa Uxía

A veciñanza da cidade correspondeu coa súa multitudinaria presenza na misa na honra da Santa Uxía que ás 12 do mediodía de hoxe ocupou por completo o adro da igrexa e a praza da Porta do Sol nun recinto disposto con cadeiras para cumprir coa normativa anticovid. A...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...