Prosegue a procura dos dous rapaces desaparecidos tras envorcar un kaiak en Porto do Son . Medios de salvamento fanno por mar, terra e aire a procura dos desparecidos tras envorcar o seu kaiak o pasado 6 de xullo pola tarde na zona de Porto do Son . No dispositivo por mar na mañá e tarde deste xoves está previsto que participen a embarcación ‘Salvamar Régulus’ e outra do Servizo de Gardacostas. Por aire durante a mañá colaborou no rastrexo o avión de Salvamento ‘Sasemar 102’ e pola tarde está previsto que o faga o helicóptero ‘ Helimer 401’.
Efectivos de Protección Civil seguen este xoves a procura con embarcacións menores pola liña de costa. Protección Civil de Noia xa despregou persoal por terra na costa, confirmaron as mesmas fontes do operativo de rastrexo dos dous mozos.
Tal como vimos informando en O Barbanza o accidente tivo lugar na praia de Coira, na localidade de Portosín o pasado luns 6 de xullo pola tarde cando tres amigos, dous mozos e unha moza, facían uso da embarcación. Os servizos de emerxencia localizaron o día da desaparición o kaiak envorcado e rescataron a unha das ocupantes da embarcación en terra. A moza foi trasladada ata o aeroporto de Santiago nun helicóptero de Salvamento Marítimo, desde onde foi levada ao CHUS. As outras dúas persoas que viaxaban no kaiak, dous homes, permanecen en paradoiro descoñecido.