Antón Goméz-Reino: “Investiremos nos portos do Barbanza para mellorar as infraestruturas e facilitar o traballo do sector”

06 Xullo 2020

Iniciamos hoxe en “O Barbanza” unha serie de entrevistas cos candidatos da provincia da Coruña e á presidencia da Xunta ás próximas eleccións Autonómicas do domingo 12 de xullo. Invitouse ós partidos pero non todos respostaron á nosa convocatoria, quede constancia que os que non saen declinaron facelo, porque estaban moi ocupados ou un medio comarcal como este non é de interese para eles. En próximas entregas sairán Vox, Marea Galeguista, BNG, PsdeG- Psoe e PP de G. A todos moitas grazas.

Antón Gómez-Reino, candidato á Presidencia autonómica de Galicia EnComún-Anova Mareas, fixo un alto no seu intenso programa de actividades, encontros e mobilizacións electorais para falar con nós dos programas da súa agrupación para a comarca. Boa parte das súas propostas para Barbanza xiran arredor do mar, fortalecendo a actividade do sector, impulsando medidas que melloren as zonas de produción marisqueira e engadan outras novas, loitando “decididamente contra o furtivismo” e optimizando as infraestruturas dos portos para facilitar o traballo do sector.

-Dende O Barbanza interésanos moito, e aos nosos lectores tamén, coñecer os plans xenéricos do seu partido para a comarca en relación ás vindeiras eleccións autonómicas, convocadas finalmente este verán. Cales son os estes plans a nivel comarcal? E a nivel provincial?

-A nivel comarcal destacamos as necesidades que ten un sector fundamental para a comarca e a provincia, como é o sector do mar. Dende en Común comprometémonos a garantir as posibilidades de pesca para o sector do xeito, mediante a asunción das competencias que nos outorga o estatuto establecendo os nosos propios topes de captura, ademais loitaremos para dignificar e mellorar as posibilidades de pesca do cerco, que tanto sufriron durante os gobernos de Feijóo, sen esquecer o investimento necesario no marisqueo para incrementar as zonas adicadas á produción, loitando de forma decidida contra o furtivismos e introducindo mecanismo públicos de subministro de semente autóctona.

Investiremos nos portos do Barbanza para mellorar as infraestruturas e facilitar o traballo do sector. Todo sen esquecer a necesidade de loitar contra o desemprego mediante un plan industrial provincial, tamén para a comarca, que permita consolidar e ampliar a capacidade de emprego do sector do mar pero tamén diversificar a industria do comarca, hoxe moi centrada no sector agroalimentario e no metal.

-Estamos a vivir tempos complexos dende moitos puntos de vista, non só sanitarios senón tamén económicos, sociais, culturais, etc. Esta situación ten que influír por forza nos programas dos partidos. Cal sería a proposta da súa agrupación para contrarrestar, nos nosos concellos, os efectos da chamada COVID-19?

-Reforzaremos a atención primaria de forma importante en infraestruturas e persoal, como primeiro dique de contención da pandemia, pero tamén compre dignificar a atención aos nosos maiores, o principal foco de infección foron en Galicia as residencias privadas, por iso ampliaremos a rede de residencias públicas na comarcal, atendendo demandas históricas como o centro de dia en Rianxo.

-O paro medrou en Barbanza e noutras moitas comarcas galegas. Que facer para poñerlle freo?

-Os datos son moi evidentes neste sentido, a comarca perdeu mais de 750 postos de traballo nestes tres meses, fundamentalmente no sector servizos e na industria, por iso, canto antes, cómpre establecer medidas de apoio e mellora do sector servizos e o turismo comarcal. Así propoñemos un plan de emprego centrado nos sectores de maior valor engadido, nomeadamente na industria, nesta comarca tamén na industria agroalimentaria, fomentando o incremento de postos de traballo, mediante a garantía da realización en Galicia e na comarca da maior parte do proceso produtivo na conserva. Loitaremos contra a venda como galegos de produtos que unicamente se empaquetan en Galicia, como garantía de emprego no sector. A cultura é hoxe un dos sectores mais golpeados pola crise da COVID é por iso fomentaremos o sector cultural propio na provincia e nomeadamente nunha comarca cunha forte produción cultural que debe ser promovida e apoiada como se merece.

-As organizacións tamén advirten dun incremento dos desafiuzamentos e da xente sen fogar. Cal sería a súa proposta para loitar contra esta lacra?

-A política de vivenda dos dez anos do señor Feijóo pódese resumir no seguinte: só catro vivendas de protección pública construídas no seu último ano de mandato. Cando no 2009 foron construídas 1.778 vivendas. En plena crise da COVID, a Consellería de Vivenda queixouse por carta ao Goberno central de que prohibir os desafiuzamentos arrefriaba os mercados e prexudicaba aos propietarios. Non existe unha soa medida para mobilizar o parque de 300.000 vivendas baleiras.

As nosas propostas en materia de vivenda son ben claras. Elaboraremos un plan integral para a vivenda, que garante o dereito ao acceso á vivenda a toda a cidadanía. A vivenda como dereito non como negocio. Procederemos a establecer un 30% de reserva de vivenda de protección nos plans de ordenación e crearemos un banco de vivendas públicas, fundamentalmente para o aluguer.

O maior problema na comarca vén derivado da alta utilización da vivenda para uso turístico estival, o que retira vivendas do mercado e incrementa os prezos, por iso reformaremos o regulamento dos pisos turísticos e desenvolveremos un plan integral contra os desafiuzamentos en colaboración co Estado, para entre outras cousas regular o prezo do aluguer.

-Que bota en falta vostede nas actuais estratexias políticas autonómicas e locais?

-Falta unha aposta pola comarcalización e os servizos mancomunados, pero sobre todo a descentralización municipal, debemos recuperar os plans comarcais de emprego, de xeito que cada plan se acomode a zona onde se implementa. Ademais isto debe ir complementado cunha oferta formativa acorde con cada comarca e concello. Pero, sobre todo, cómpre apoiar aos concellos que hoxe están asumindo competencias impropias, polo que comprometémonos a apoiar economicamente ás administracións locais na medida das súas necesidades evitando o reparto clientelar da actual Xunta.

Outros artigos

Ribeira celebrou unha multitudinaria misa en honra de Santa Uxía

A veciñanza da cidade correspondeu coa súa multitudinaria presenza na misa na honra da Santa Uxía que ás 12 do mediodía de hoxe ocupou por completo o adro da igrexa e a praza da Porta do Sol nun recinto disposto con cadeiras para cumprir coa normativa anticovid. A...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Informe PISA, educar para la vida”. Alberto Barciela

“Informe PISA, educar para la vida”. Alberto Barciela

Cuando los fríos guarismos del último informe PISA vuelven a agitar los titulares con la cantinela de nuestras recurrentes carencias educativas, confirmamos que seguimos midiendo el rendimiento de las aulas con la precisión del contable pero con el desdichado desdén...

“Fama sen rede”. Xosé Antonio López Silva

“Fama sen rede”. Xosé Antonio López Silva

Intente vostede falar na cea dun libro ou dunha figura pública que todo o mundo na mesa coñeza. O máis probable é que se atope con miradas de desconcerto. Os máis novos estarán ao tanto dun fenómeno de millóns de seguidores do que vostede nunca oíu falar, e o autor...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.