Alberto Núñez Feijóo: “A prioridade agora é a reactivación socioeconómica e preparamos para detectar e controlar posibles brotes da COVID19”

10 Xullo 2020

O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afonda nesta entrevista nos principais obxectivos do seu partido en Galicia e Barbanza: a necesidade de “xerar as mellores oportunidades para todos”, de “impulsar a recuperación económica” e, tamén, de “diminuír o impacto social da pandemia”.

-Con que ánimo se presenta a estas novas eleccións?

-Pois con moita enerxía e con moitas ganas de intentar recibir de novo o respaldo dos galegos. Comentábao o outro día, estou con máis ganas e con máis ilusión aínda que cando me presentei por primeira vez en 2009. E por outra banda, tamén cunha grande responsabilidade, dado o reto ao que nos enfrontamos. O goberno que saia das urnas deberá xestionar a ameaza da pandemia, xa que o virus segue aí, ademais da reactivación económica e social, porque existe o risco certo de que tras a pandemia sanitaria poida vir unha pandemia económica.

-Influirá de algún modo a pandemia nos electores?

-Pois non o sei, os electores deberán elixir en liberdade e na súa decisión pesarán moitos factores, supoño que tamén o da pandemia. É unha situación extraordinaria que nunca viviramos e, dende logo, como se xestionou e quen queren que pilote a xestión da crise agora e no futuro postCOVID seguro que serán cuestións que terán en conta os galegos á hora de decidir o seu voto.

-Que pode ofrecer aos votantes?

-Pois en primeiro lugar o PPdeG é o único partido que pode cumprir enteiramente o programa co que se presenta ás eleccións. Somos os únicos que nos presentamos ás eleccións con intención de gañalas, outros só pretenden que non gañemos nós para gobernar cun pacto entre perdedores e non poden nin dicir aos galegos quen sería presidente nin que programa gobernaría. Nós ofrecemos certezas, ofrecemos estabilidade. Ofrecemos un Goberno serio, responsable e fiable, que xere as mellores oportunidades para todos, que sexa capaz de enfocar a recuperación económica, diminuír o impacto social da pandemia e reducir ao máximo os obstáculos cos que imos topar, en vez de crear problemas.

-Que lle parecen as enquisas?

-Pois iso: enquisas. A única válida é a do día 12 de xullo, cando os cidadáns voten. É certo que as sondaxes poden reflectir tendencias e que están a ser positivas para o PPdeG, porque estamos en disposición de revalidar a maioría absoluta. Pero non podemos confiarnos, cada voto conta e haberá que pelexalo. Dicía Manuel Fraga que había dúas formas de perder as eleccións: dalas por gañadas ou dalas por perdidas. Quen pense que as eleccións están gañadas equivócase. Queda moito traballo por facer.

-Que respaldo espera na comarca do Barbanza?

-A comarca do Barbanza sempre ofreceu un amplo respaldo ao PPdeG e eu agradezo esa confianza e volverei a pedir esa confianza unha vez máis. Presentámonos cos deberes feitos, con importantes actuacións levadas a cabo como a reforma e ampliación do Hospital da Barbanza, un novo centro de día na Pobra do Caramiñal, a posta en servizo dunha nova escola infantil no Polígono da Tomada ou máis de 75 millóns de euros en obras de saneamento nos concellos da comarca nos últimos anos, ademais do apoio ao sector do mar e a sectores estratéxicos.

-E que propostas presenta para a Galicia dos vindeiros catro anos?

-A prioridade agora é a reactivación económica e social, ao mesmo tempo que nos preparamos para detectar e controlar posibles brotes da COVID19. Esa é a nosa principal preocupación alomenos ata que haxa vacina: enfocar a recuperación económica e diminuír o impacto da pandemia na cidadanía.

Así pois, a nosa principal proposta é coa sanidade e coa saúde dos galegos e coa reactivación económica e social, con medidas que xa están sobre a mesa e que son unha realidade. Puxemos en marcha un plan dotado con máis de 3.000 millóns de euros, seguindo os consellos dun grupo de expertos económicos, con medidas para dar resposta ás necesidades dos máis afectados e dos que peor o pasaron e con proxectos tractores que dinamicen a nosa economía e senten as bases da recuperación para os vindeiros anos.

E por suposto, máis educación e máis coidados ás familias, moi especialmente aos máis vulnerables, así como aos maiores e os máis cativos.

Outros artigos

Ribeira celebrou unha multitudinaria misa en honra de Santa Uxía

A veciñanza da cidade correspondeu coa súa multitudinaria presenza na misa na honra da Santa Uxía que ás 12 do mediodía de hoxe ocupou por completo o adro da igrexa e a praza da Porta do Sol nun recinto disposto con cadeiras para cumprir coa normativa anticovid. A...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...