A Fundación Museo de Artes do Gravado dá a coñecer este sábado o fallo do XI Premio Atlante

A Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital dará a coñecer este sábado, nun acto institucional, o fallo do xurado do XI Premio Atlante de Gravado 2019. A cita será ás 13.00 horas no Museo de Artes (Ribeira) e nela participarán Carmen Hermo, doutora en Belas Artes e gravadora, Isabel Pintado; pintora, gravadora e docente; Manuel Ayaso, pintor e gravador; José Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia; Alfonso Costa, pintor e gravador; Juan Monterroso Montero, decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC; Jose Manuel López Vázquez, doutor da Facultade de Xeografía e Historia da USC; e Manuel Ruíz Rivas, presidente da Fundación Museo de Artes do Gravado e alcalde de Ribeira.

Segundo informou a institución artística e formativa de Artes, as obras presentadas este ano ao certame foron 131, sendo 80 os artistas participantes (procedentes de distintos países, como España, Arxentina, Uruguai, Ecuador, México, Reino Unido, Italia, Francia, Polonia e India). A edición deste ano pasará á historia como a edición marcada polo estoupido da pandemia e o Estado de Alarma, que, polas súas graves consecuencias, impediu que moitos artistas se presentasen ao certame, ben por non poder editar as súas obras ao estar os obradoiros pechados, ben por causa dos problemas co envío postal dende outros países.

Lembrar que se establecen os seguintes premios: Premio Ramiro Carregal de gravado de 5.000 €, 3 premios dotados con 2.500 € cada un e 1 un premio especial Pedras de Santiago, de 2.000 €, para un artista nacido ou residente en Galicia.