Os contacontos en liña de O Club das Lerchiñas chegan este sábado ao seu remate

O ciclo de contacontos en liña O Club das Lerchiñas, actividade abeirada á #aculturasegue e posta en marcha para aledar con historias e lecer os dispositivos tecnolóxicos da rapazada en tempos de Estado de Alarma e confinamento, remata este sábado cunha cita coa escritora Ledicia Costas. O Club das Lerchiñas foi unha experiencia innovadora con multipresenza nas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter e YouTube) e cun programa de historias relatadas que contou con algunhas das nosas máis senlleiras contadoras: María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira, amais de Ledicia Costas, que pon este sábado o broche final á experiencia.

O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio e durante todos os sábados ás 11,00 horas achegou ás familias, a través de Internet e desde os seus fogares, historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.

Este sábado 6 de xuño ponlle o alfinete ao ciclo a escritora Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón. Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta é a única autora galega que posúe dous Premios Lazarillo, ademais de ter recibido recoñecementos, como o Premio Losada Diéguez de creación literaria ou o galardón do Mellor Libro Infantil e Xuvenil na Gala do Libro Galego por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Esta actividade forma parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de “ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de limitacións de actividades presenciais pola crise da COVID-19”.

Relevo de Cociñeiras ilustradas

A programación familiar en liña para as fins de semana da Cidade da Cultura de Galicia terá continuidade o sábado seguinte, o 13 de xuño, coa posta en marcha do ciclo Cociñeiras ilustradas. As redes sociais da Cidade da Cultura emitirán ás 10 horas vídeo-receitas para cociñar coa cativada e que están animadas por cinco das mellores ilustradoras galegas: Nuria Díaz, Ana Varela, Laura Tova, Ángeles Díaz-Axouxeres e chisqueiros e Dani Padrón.

Será todos os sábados ata o 11 de xullo e cada ilustradora será a encargada de animar dúas vídeo-receitas: un xantar e unha sobremesa. Estas pezas audiovisuais animadas están baseadas nas receitas elaboradas polos prestixiosos cociñeiros da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández. Sober (Lugo): Xenxo Pereiro, Santiago Martínez, David Cidre e Miguel A. Caruncho.