A Fundación RIA reivindica o potencial innovador dos usos antigos na web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

05 Xuño 2020

A Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), impulsada dende a nosa comarca polo arquitecto inglés afincando en Corrubedo, David Chipperfield, vén de pór en marcha a plataforma online do seu Laboratorio Ecosocial do Barbanza, barbanzaecosocial.org, a faciana visíbel deste proxecto creativo e participativo de dinamización e, tamén, un punto de encontro para intercambiar achados, información e recursos sobre como crear nova riqueza botando man de todos os históricos elementos sociais, naturais, arquitectónicos, turísticos, etnográficos, culturais e produtivos cos que contan os nosos concellos dende tempos inmemoriais.

Unha das saídas de campo dos investigadores, antes da crise sanitaria da COVID

Que é o Laboratorio Ecosocial do Barbanza?

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa promovida pola Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, grazas ao financiamento da Fundación Banco Santander e o apoio da Cátedra Juana de Vega. A iniciativa ten unha duración de dous anos e busca “dar visibilidade e apoio a aproveitamentos do territorio que contribúan á súa sustentabilidade ambiental, social e económica”. Tamén busca “demostrar que son posíbeis e desexábeis modelos de protección que favorezan ou desenvolvemento de prácticas agrogandeiras e forestais respectuosas co medio e innovadoras”.

Tres áreas de actuación

Para alcanzar o devandito obxectivo, o Laboratorio centra a súa actividade en tres áreas da península do Barbanza: os montes Barbanza, Enxa, Xian, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, xestionados pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Baroña, no concello de Porto do Son; o monte de Froxán, xestionado pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Froxán, no concello de Lousame; e por último as Brañas de Laíño, en Dodro.

Tras este primeiro ano de andaina, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza concluirá coa elaboración dun Atlas de Aproveitamentos Sustentábeis, unha escolma de coñecemento histórico e actual, na súa meirande parte de raizame popular e participativa, no que se avalíen as prácticas de aproveitamento do territorio segundo criterios de sustentabilidade e innovación. O segundo ano buscarase impulsar prácticas que cumpran con estes criterios mediante apoio técnico e económico.

Actividades desenvolvidas nos últimos meses

A Fundación RIA lembra que nos meses de xaneiro e marzo, con anterioridade á situación extraordinaria de crise pola COVID-19 que estamos a vivir, a entidade e o grupo de investigación HISTAGRA deron pasos importantes no seu traballo conxunto, tomando datos directos do proxecto e realizando saídas de campo que incluíron máis dunha quincena de entrevistas a habitantes de Baroña, Froxán e Laíño; e visitas aos arquivos dos tres devanditos municipios da comarca. “Tentamos que a maior parte das persoas enquisadas fosen maiores de 70 anos, para que a través das súas lembranzas e de todo aquilo que os seus pais e nais lles transmitiron, puidesen falar dunha época na que no monte realizábanse unha grande variedade de actividades, todas elas interrelacionadas”, explican os investigadores de RIA e HISTAGRA, engadindo que a través destas persoas “foinos posíbel aprender moito sobre usos e procesos, coñecendo o tipo de aproveitamentos agrogandeiros e forestais que se levaban a cabo nestes lugares, cales deixaron de levarse a cabo e que dificultades impediron a súa continuidade”.

Asemade, acadáronse datos de valor sobre as relacións que se daban entre distintas partes do territorio, identificando patróns que se repiten nas tres localizacións. “Coñecer o pasado destas comunidades e entender as lóxicas que as facían sustentábeis e autosuficientes é clave para promover a súa reactivación e deseñar estratexias de futuro”, fan saber os investigadores, lembrando que a partir de marzo foi necesario interromper o traballo e mailas entrevistas, unha liña de acción que agardan poder retomar en datas vindeiras.

Respecto dos recursos que se están a envorcar na plataforma online, o grupo HISTAGRA filtrou toda a información recompilada nas entrevistas (que poderán ser consultadas no arquivo dixital Terra e Memoria), organizándoa en base a temas, como a produción, o manexo agrogandeiro e forestal, a comercialización, a gobernanza comunitaria, a identidade e a cultura. Seguindo este fío elaboráronse nove artigos que xa están dispoñíbeis a través da sección Investigación da web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

Segundo fan saber dende RIA, a intención é ir publicando cada pouco novos artigos elaborados polo propio equipo do proxecto ou por expertos convidados, “de tal xeito que a páxina web poida converterse nun lugar do encontro de múltiples voces”.

Unha sesión das entrevistas realizadas polos integrantes de RIA e HISTAGRA

A páxina web barbanzaecosocial.org

A páxina web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza ten a vontade de chegar a múltiples audiencias. En primeiro lugar, ás persoas próximas ás áreas de estudo, que recoñecerán gran parte das prácticas que se mencionan e que levaban a cabo na súa contorna. O contido tamén está dirixido á comunidade científica, que atopará no Laboratorio Ecosocial do Barbanza un acubillo sempre e aberto e dispoñíbel de información baixo o que poder desenvolver futuras investigacións e proxectos. Por último, será unha ferramenta de utilidade para as administracións públicas e as entidades privadas relacionadas coa planificación do territorio, facilitándolles claves que lles permitan impulsar estratexias e accións nas que a sustentabilidade sexa unha premisa.

A web está accesíbel en galego e castelán (e proximamente estarao en inglés) e, como dixemos, inclúe 9 artigos elaborados entre HISTAGRA e Fundación RIA acompañados por gráficos, mapas, vídeos e ligazóns a outros artigos propios ou páxinas externas.

Outros artigos

“Fama sen rede”. Xosé Antonio López Silva

Intente vostede falar na cea dun libro ou dunha figura pública que todo o mundo na mesa coñeza. O máis probable é que se atope con miradas de desconcerto. Os máis novos estarán ao tanto dun fenómeno de millóns de seguidores do que vostede nunca oíu falar, e o autor...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

La formación, respuesta a la IA”. José Castro López

La formación, respuesta a la IA”. José Castro López

La Inteligencia Artificial (IA) ya ha empezado a destruir empleo en empresastecnológicas y de otros sectores, una tendencia global que también comienza a sentirseen España. La Fundación de las Cajas de Ahorro (FUNCAS) presentó hace unos mesesun estudio sobre el...

“La Galicia de los cien años” – José Antonio Constenla

“La Galicia de los cien años” – José Antonio Constenla

Álvaro Cunqueiro imaginó muchas veces Galicia como el lugar donde lo extraordinario convivía con lo cotidiano. Una tierra en la que la realidad siempre deja espacio para los milagros y quizás uno de esos pequeños milagros sea que el tiempo aquí transcurre de otra...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.