
O Partido Popular da Pobra, a través do seu voceiro Manuel Durán, presentou unha moción para ser debatida en pleno relativa ás axudas locais aos colectivos máis afectados (familias vulnerábeis, empresas de pequeno e mediano tamaño) pola COVID-19, unhas axudas que, en palabras do PP, son imprescindíbeis polas limitacións impostas ás actividades sociais e económicas e polas graves consecuencias que estas limitacións tiveron na base produtiva do concello: os autónomos e as pemes.
Tanto uns coma outros, incide o PP da Pobra, deben ser apoiados polas institucións e a cidadanía, non só fomentando o pequeno comercio, senón “garantindo a supervivencia dos xa existentes, en pro de transmitir estabilidade e tranquilidade ao pequeno e mediano empresario”.
Dende a agrupación consideran “necesario” establecer “unha primeira liña de axudas complementarias ás establecidas por outras administracións e encamiñadas a apoiar a todos aqueles autónomos e pemes do sector comercio, servizos e hostalería do concello afectados polo peche temporal ou por unha minoración da súa actividade económica e para reducir a presión fiscal a tódolos veciños e veciñas do termo municipal”.
Neste senso, propoñen unha serie de bonificacións ademais das facilidades de pago que se poidan ofrecer, como é “o fraccionamento e o aprazamento sen xuros, á hora de facer fronte ó pago dos impostos e taxas municipais”.
En termos máis concretos, a moción do PP inclúe as seguintes medidas específicas.
• Axuda directa de 1.200€ para pemes, pequeno comercio local, hostalería, sector servizos…
• Axuda a cada empresa de 200€ por cada traballador contratado, sempre que manteña o mesmo número de traballadores que tiña antes do Estado de Alarma.
• IBI (contribución): bonificación do 20% para todos os veciños e veciñas do municipio, na liña das reducións solicitadas e aprobadas ata en tres ocasións e que o goberno aínda segue sen aplicar.
• IVTM (rodaxe): bonificación do 20% para particulares, e do 40% para todos aqueles profesionais cuxa actividade fundamental é o transporte e foron obrigados ó peche temporal mediante o Real Decreto lei 8/202 de 17 de marzo.
• Bonificación do 100% do importe das licenzas de apertura, obras ou remodelación para a apertura ou modificación de calquera negocio que se pretendan realizar no noso municipio durante o presente exercicio.
• Bonificación do 100% do imposto de ocupación de vía pública para os negocios de hostalería, así como a facilitación do incremento do espazo para ampliar a colocación das mesmas sempre que non se prexudique outro tipo de actividades estudando cada caso de maneira individual.
• Realizar campañas para mellorar a competitividade e a innovación dos negocios locais mediante a adecuación física dos inmóbeis, implantación de novas tecnoloxías, plataformas e especialidades do tecido comercial e industrial do municipio. Así como campañas de comunicación, fomento do comercio e dos establecementos de proximidade pra contribuír a súa reactivación trala crise.
• Flexibilizar e facilitar o pago dos impostos, taxas municipais e prezos públicos, mediante fraccionamento e aprazamento sen xuros do pago.
• Duplicar a contía da subvención que perciben todas as asociacións e entidades sen ánimo de lucro do noso municipio.
• Incrementar a contía presupostada para Servizos Sociais en relación ás axudas de emerxencia social para cubrir as necesidades básicas de subsistencia, debido ó incremento do número de parados, en Expediente de Regulación Temporal de Emprego ou con redución de xornada laboral.
• Establecer un plan de axudas, ben económicas ou en forma de prestación de servizos, para o caso de aqueles proxenitores nos que ambos teñan que volver ó traballo e non teñan con quen deixar ós rapaces.
• Establecer un fondo de material de prevención preciso (máscaras, pantallas protectoras, luvas, xel hidroalcohólico,etc) para todas aquelas unidades familiares cuxos ingresos non superasen 2 veces a contía do IPREM para o ano 2020, durante o pasado ano. Este fondo sería xestionado polo Concello e durante o tempo que sexa necesario.