O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presentou este xoves 7 de maio os detalles concretos do seu plan de reactivación económica para o concello, un programa de iniciativas de choque para paliar as graves consecuencias que vai ter a pandemia nos planos social e produtivo que poñen o foco, moitas delas, en facer o posíbel para que os ámbitos sociais vulnerábeis non fiquen atrás. O concelleiro Luís Pérez Barral, informou que o plan abrangue accións en nove ámbitos e sectores concretos que van desde medidas fiscais, sanitarias, de protección social, de mobilidade, de investimento, contratación, fomento das políticas activas de emprego, fomento da actividade económica con especial atención ao comercio, hostalaría e empresas turísticas.
No ámbito social, os nacionalistas cren que “se hai que aumentar as partidas económicas aos servizos de atención á dependencia e o servizo de axuda no fogar por atender ás persoas maiores e máis vulnerábeis”.
No ámbito da fiscalidade, o Bloque propón “a exención das taxas por terrazas á hostalaría desde a declaración do Estado de Alarma até o fin do desconfinamento, bonificacións nos servizos municipais a familias en situación de vulnerabilidade e persoas que sufriron un ERTE e demandar que Costas del Estado e Portos de Galiza non cobren as taxas polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos durante o tempo que estiveron fechadas pola declaración do Estado de Alarma”.
Pérez Barral detalla que as medidas dirixidas a PEME e comercio local son fundamentais para “evitar a perda de emprego e feche de establecementos comerciais e hostaleiros”. Propoñen a inclusión de Ribeira nunha plataforma de venda online para que “calquera comercio que o desexa poida facelo da man deste proxecto, bonificacións nos aparcadoiros soterrados para quen merque no comercio local, ampliación da zona azul até as dúas horas e entregar un paquete de materiais de prevención e seguridade para cada establecemento”.
No tocante á promoción económica e formativa, solicitan “dar prioridade nos cursos de formación ás persoas desempregadas e afectadas por ERTE e incorporación de persoas ligadas a sectores estratéxicos como comercio, hostalaría ou turismo”.
Aumento de fondos para o tecido produtivo
Segundo avanzou Pérez Barral, o BNG vai propoñer un aumento considerábel nos fondos destinados a PEME, persoas autónomas e afectadas por ERTE “se é preciso que o Concello de Ribeira se endebede para axudar á nosa xente, haberá que facelo” sentenciou. Amais, convidan a que fixen dúas liñas de axuda; unha destinada a garantir a liquidez das persoas autónomas e PEME que precisan cartos para facerlle fronte ás súas obrigas e, unha segunda liña destinada a investimentos produtivos na mellora dos seus negocios. “Con esta proposta”, dixo o concelleiro do BNG, “garantiríase a liquidez por parte das pequenas empresas que o precisan” e, por outra banda, “fomentaríase o investimento produtivo na mellora dos negocios o que movería a economía local xerando riqueza e sinerxías positivas”.
Tamén se propón a contratación de dúas persoas operarias municipais para a realización e posta en marcha do Plan de Reverdecer Ribeira proposto polo Bloque e aprobado pola corporación municipal.
Pérez, asemade, criticou a decisión do Goberno local de querer realizar unha renovación da web e crear unha app para móbil cun gasto de 263.000€ que consideran “absolutamente desorbitados” e propoñen redirixilos ao comercio, hostalaría, empresas turísticas e protección social.