A Asociación de Empresarios de Ribeira, ao abeiro do seu programa de accións Compra Comercio Local (destinadas a fortalecer os establecementos do concello nesta desescalada ao tempo que se premia á poboación por investir en proximidade), presentou este sábado un vídeo para avanzar un novo paso neste cometido de sensibilización e implicación.
O vídeo Agora máis que nunca compra local, de dous minutos e medio de duración, é un chamamento directo, sen concesións, a reorientar os nosos hábitos comerciais e entender, de xeito claro, as graves consecuencias (máis graves aínda en tempos de crise sanitaria) de non apoiar os comercios dos nosos veciños, familiares, amigos ou coñecidos.
A peza, unha impecábel e coidada contribución anti-crise, foi realizada pola firma ribeirense Lesmes Fotógrafos. A través dunha serie de imaxes e sons sobre a dura cotidianeidade das empresarias e empresarios, o vídeo achéganos ao complexo proceso de “volver á normalidade”, lanzando unha mensaxe de advertencia clara: se non apoiamos á xente que con tanto esforzo está subir as reixas dos seus negocios para reabrilos, estas volveran baixar en breve, definitivamente.
O vídeo foi presentado no local da entidade polo presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez, e máis polo concelleiro de Comercio, Ramón Doval.
Compra Comercio Local
Como dixemos, o audiovisual forma parte da campaña Compra Comercio Local, unha iniciativa para fomentar as compras e dinamizar o comercio, amais dunha defensa dos beneficios de mercar localmente para superar a crise. A campaña pon a disposición dos cidadáns a posibilidade de equiparse con superpoderes: os que terán se se converten en “superheroes-compradores” do pequeno comercio de Ribeira.
A asociación sustenta a iniciativa nunha realidade incontestábel: as vantaxes dos establecementos de proximidade para achegar, nas súas contornas, un valor que non é quen de brindar ningún outro tipo de actividade económica. Este valor é “a relación coas persoas, onde os vínculos se crean dende ambas partes”.
A promoción realizarase entre as compras feitas desde o día 13 de maio e incluirá tarxetas con rascas para distribuír entre os clientes. Na campaña, que durará até que os establecementos rematen as tarxetas, os cidadáns poderán participar mercando nos locais adheridos á iniciativa. Os rascas gañadores serán trocados na Asociación de Empresarios de Ribeira por vales de compra que poderán gastarse en calquera establecemento participante. A organización fai saber que se o rasca gañador foi entregado nun comercio asociado, o valor do premio será dobre.