Simplifícase o rexistro en GaliciaLe para universalizar os libros dixitais en tempos de COVID-19

27 Marzo 2020

A lectura non poderá co virus, pero está claro que é unha ferramenta de primeira para facernos fortes nas nosas reclusións e mitigar, con imaxinación e experiencias, as consecuencias do confinamento. A plataforma de préstamo de obras en formato electrónico GaliciaLe pode ser, á situación de encerro, o mesmo que albiscar un illa ao lonxe para quen ande sen rumbo polo mar. Por este motivo, a Xunta decidiu facilitar as condicións de acceso para desfrutarmos dos contidos que acubilla esta plataforma das bibliotecas públicas galegas, até o de agora só dispoñíbel para persoas usuarias destes centros (e que posuíran o carné correspondente) pero a partir destes días de estado de alarma aberta para toda a poboación.

Esta nova medida enmárcase na campaña #aculturasegue que a Consellería de Cultura e Turismo ten en marcha a raíz da crise sanitaria co obxectivo de “ofrecer unha programación de lecer e cultural a través de Internet que chegue a todos os fogares da Comunidade”.

O devandito tradúcese en permitir, vía online, que as bibliotecas xestionadas polo Goberno autonómico continúen a desenvolver o seu importante labor, un labor que é aínda máis crucial en tempos de restricións á mobilidade e confinamento.

Entre outros servizos, poderemos descargar e visualizar nos nosos dispositivos (computadores, tabletas ou móbiles) obras en formato dixital de temáticas diversas para todos os gustos, tendencias e idades.

En concreto, GaliciaLe conta con máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos.

Ademais suma 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais.

Facilitando o rexistro

Respecto dos requisitos doados e simples que se piden agora para facermos uso da plataforma, pasan unicamente por rexistrarnos mediante o formulario dispoñíbel na páxina web de GaliciaLe. Tras cubrilo, recibiremos no enderezo electrónico as claves para acceder a plataforma. Cando remate o estado de alarma, teremos un período de 30 días para recoller o carné e “seguir gozando das vantaxes da rede de bibliotecas públicas de Galicia e desta plataforma”.

Viaxes virtuais

Como “complemento a esta iniciativa”, os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen estes días una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos destacan exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.

A Xunta tamén lembra que é posíbel explorar as coleccións dos museos xestionados pola Administración autonómica “a través do mundo dixital”. Por exemplo o Museo do Castro de Viladonga e o propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos osmuseos xestionados pola Xunta.

Outros artigos

O novo Auditorio de Ribeira abrirá o sábado 1 de xuño

O novo Auditorio Municipal de Ribeira abrirá as súas portas o sábado 1 de xuño e para celebrar a súa apertura, a Concellería de Cultura está a organizar unha programación especial que se estenderá ao longo de todo o mes. Esta coincidirá co "Xuño dá Cultura e as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...