Os actos que marcan o inicio da actividade da Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal, este venres 28 de febreiro, veñen de sufrir variacións. Así, segundo informa o Concello, o acto de inauguración oficial do edificio, previsto para este venres ás 20.30 horas, tivo que ser cancelado por mor da necesidade de garantir a neutralidade pública ao abeiro da Lei Orgánica de Réxime Electoral e o período electoral autonómico. O que si que segue adiante serán as accións previstas de cariz menos institucional: por exemplo a xornada de portas abertas (a partir das 17.00 horas) para que as veciñas e veciños coñezan a nova infraestrutura, os seus servizos e os seus cometidos.
Estas actividades, segundo explica o Concello, desenvolveranse ao longo da tarde segundo o horario previsto, polo que “calquera persoa interesada poderá acceder ás instalacións e coñecer o seu funcionamento”.
O Goberno local pediu desculpas polas molestias que puido provocar a cancelación do acto, unha cita xa programada antes da convocatoria electoral, “cuxo adiante rematou por provocar esta incompatibilidade”.
Un dos grandes proxectos da tempada
A Casa da Mocidade é sen dúbida unha das grandes iniciativas deste primeiro ano do actual equipo de Goberno na Pobra. Está habilitada no primeiro andar do antigo restaurante O Lagar, edificio alugado polo Concello para uso sociocultural e cuxo andar baixo acubilla o espazo de coworking dispoñíbel desde o verán de 2017 cunha capacidade para acoller a dez emprendedores.
Trátase dun inmóbel de de 265’40 metros cadrados dividido en catro áreas principais: a multiusos de 108’80 metros, adicada ao ocio, actos culturais e calquera evento que poda deseñar e pensar a propia xuventude; a sala de traballo de 24’55 metros cadrados, que funciona tamén como aula de informática libre con Wi-Fi, e dúas zonas FabLab que albergan as ferramentas e a maquinaria relacionada coa fabricación e elaboración de materiais por parte dos usuarios.
O custe total da actuación ascendeu a 110.580’83 euros, dos cales a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa subvencionou o 68’3%, correspondéndose con 75.526 euros.